O Festival de Maxia Vila de Sarria congregará a 23 ilusionistas internacionais

Artistas que proveñen de diferentes partes do mundo, como Cuba, Italia ou Colombia, participarán no evento previsto na localidade
2019080117063664803
photo_camera Roberto Lolo, Claudio Garrido e Reyes Abella, na presentación. D. M. P.

A décimo cuarta edición do Festival de Maxia Vila de Sarria contará coas actuacións de 23 ilusionistas que encherán de maxia as rúas da vila desde o 23 ao 25 de agosto. Foi presentada onte na casa da cultura da vila e o coordinador e fundador do evento, Roberto Lolo, realizou un truco de maxia para o deleite dos presentes. Pola súa banda, as xornadas contan coa colaboración do Concello.

Giancarlo Scalia, Nuel Galán, Dania Díaz, Luigi Ludus, Tomás San Juan, Dani Polo, Fernando Espí, Susana Guisasola, José Rivera, Judith Triliri, Javi Rufo, Pollo, O Mago Paco, Sara Rodríguez, Samuel Moreno, David Díaz, Samuel Pons, Mago Joel de Cuba, Román García, Miguel Ángel Gea, Felipe Costa e o sarrián Roberto Lolo serán os participantes. Serán os encargados de divertir "tanto a nenos como a pequenos, porque a maxia é para todas as idades", como asegura o coordinador.

Os artistas participantes proveñen de diferentes partes do mundo, como Cuba, Colombia ou Italia, motivo polo cal o festival pasou a ter a denominación de internacional. Ademais, todos eles hospedaranse no domicilio particular de Roberto Lolo, "onde hai charlas de amigos" entre as comidas. Lolo explica que é unha das causas polo que cada ano aumenta o número de ilusionistas. Durante esa estancia chéganse a revelar trucos, algo que só se fai "entre magos".

O alcalde da localidade, Claudio Garido, acompañado da concelleira de Cultura, Reyes Abella, mostraron o seu agradecemento cara a Roberto Lolo no acto de presentación.

Comentarios