Fernández de la Vega chama en Sarria a acabar coa desigualdade de xénero

A presidenta do Consello de Estado  clausurou as Xornadas Xurídicas e situou a igualdade entre homes e mulleres como "condición básica e imprescindible" dunha sociedade democrática

A presidenta do Consello de Estado, María Teresa Fernández de la Vega, clausurou este sábado en Sarria as Xornadas Xurídicas Román García Varela pondo o acento nunha necesaria consecución de igualdade entre homes e mulleres, "condición básica e imprescindible de toda a sociedade que pretenda denominarse e comportarse como democrática".

Neste ámbito "aínda queda un enorme camiño por percorrer", citando "sen ir máis lonxe a elemental esixencia de salario igual por un traballo igual", sinalou. A exvicepresidenta do Goberno foi rotunda na súa condena á violencia machista, que cualificou de "intolerable" e fixo un chamamento "á mobilización cívica" de toda a cidadanía para porlle fin.

Acompañada do alcalde de Sarria, os dous directores das xornadas e a deputada Sonsoles López, Fernández de la Vega mostrou tamén a súa preocupación pola "crecente" desigualdade social, cuns niveis "inaceptables".

Ademais, alertou sobre unha "deriva autoritaria" que, segundo dixo, está a producirse nun "contexto de incerteza e perplexidade" e que xera "un avance aparentemente imparable de partidos populistas cun ideario político que ameaza á democracia".

A presidenta do Consello de Estado referiuse "á tolerancia e á contención" como virtudes necesarias para o adecuado funcionamento dunha sociedade democrática e subliñou que "non todo está permitido" na defensa de ideais ou aspiracións políticas.

Fernández de la Vega, quen tamén reivindicou "o público" durante a súa intervención, enumerou entre algúns dos retos da sociedade actual ao cambio climático, a biotecnoloxía ou os big data. "Hai empresas que acumulan unha concentración de datos persoais nosos sen precedentes, datos que están a adquirir un alto valor económico e que nas mans equivocadas poden utilizarse con fins espurios", sostivo.

A clausura das Xornadas Xurídicas, á que asistiron numerosas persoas, produciuse tras unha mesa redonda moderada polo maxistrado do Constitucional Juan Antonio Xiol Ríos e na que participaron a Valedora do Pobo, Milagros Otero, o letrado das Cortes Luis Molina e o magistado do Supremo José Luis Seoane.

Entre outros asuntos, abordaron os dereitos das persoas con discapacidade, pechando así un encontro que durante dous días analizou na casa da cultura de Sarria os dereitos humanos con destacados relatores.

Comentarios