Música e maxia voltan á vila samoense

Os espectáculos do Mago Teto e Uxía Senlle ou os cantares de cego conforman a oferta dun evento cultural que pretende dinamizar a economía local de xeito seguro

Uxía Senlle
photo_camera Uxía Senlle. DP

O CONCELLO de Samos organizou por primeira vez en agosto de 2019 unha Feira do Turismo. O reto daquela iniciativa era dinamizar un concello do interior da provincia cun patrimonio natural e arquitectónico único e crear un vínculo co mundo da cultura. Aquela primeira cita foi un éxito e encheu o centro da vila samoense de vida.

O reto do equipo de goberno local era repetir a cita este verán, pero o covid non facilitou tal circunstancia. O alcalde, Julio Gallego, explica que lle deron varias voltas, no verán non tiveron a posibilidade de concretar o certame e non quixeron deixar que pasase o 2020 sen que a cita sumase a súa segunda convocatoria.

programa

"Foi un ano complicado para calquera evento pero agora, que a situación do concello non é mala, e que o Nadal está a piques de comezar decidimos asumir o reto", detalla Gallego. "Buscamos a maneira de conformar unha cita que sexa segura para todos os asistentes e que supoña un apoio ao mundo da cultura, que tamén o precisa despois de moitos meses parado", engadiu o rexedor.

A segunda edición da Feira do Turismo de Samos, que conta coa colaboración da Deputación de Lugo, mudou de localización para adaptarse á climatoloxía e tamén ás medidas de seguridade. "No verán a feira pode ser ao aire libre, pero agora no inverno temos que instalar unha carpa. No centro da vila non había espazo así que decidimos colocar unha carpa que estará climatizada no Campo da Festa, un lugar moi amplo e que nos dá moita seguridade", explica o alcalde.

Nesa carpa haberá cadeiras instaladas coa pertinente distancia de seguridade, controis de aforo, xel e será obrigado o uso de máscara. Hai un protocolo para regular a entrada ás actividades, que son gratuítas e non precisan de reserva previa.

A carpa abrirá as súas portas ao mediodía e acollerá actividades musicais, maxia e iniciativas de contos para os cativos. Haberá dous pases de cantares de cego para animar un chisco o ambiente, un antes de xantar e outro pola tarde, previo ao concerto de Uxía.

Antes de xantar tamén actuará o Mago Teto, cun espectáculo que leva por título Tolemaxias no que o ilusionismo e os efectos novidosos terán moito protagonismo. Esta nova proposta de Teto implica un xiro na súa carreira de mago, pero non renuncia ao seu sentido do humor e o toque canalla.

Despois de xantar, os cativos terán o seu momento de lecer con Filipa e os contos, unha proposta que os achegará a unha chea de historias nos que a tradición, a música e o humor son unha mestura perfecta.

O peche da xornada corre a cargo de Uxía Senlle que dará un concerto que leva por título Lume Novo de Nadal. Nesta proposta na que está con Sergio Tannus, a cantante quere "prender o lume con cantos tradicionais de Nadal que traia un novo alento para estes tempos que corren".

Julio Gallego, alcalde de Samos, invita aos veciños da contorna a participar nesta iniciativa que ten o reto de dar un impulso á vila samoense e mirar cara o futuro de xeito seguro.