A Feira da Tenreira chega a casa: 2.000 quilos de carne a domicilio

O Concello reparte o produto entre os veciños para recordar o evento, apoiar ao sector e fomentar o seu consumo
El alcalde de Láncara hace entrega de la carne a unas vecinas de Ronfe y A Pobra. PORTO
photo_camera O alcalde de Láncara fai entrega da carne a unhas veciñas de Ronfe e A Pobra. PORTO

O Concello de Láncara quere trasladar a degustación da Feira da Tenreira Galega aos fogares, polo que comezou a repartición duns 2.000 quilos de carne entre todas as familias do municipio.

Con esta iniciativa o Concello quere "apoiar ou sector gandeiro, fomentar ou consumo" de tenreira galega e "achegar a feira ás casas", xa que o evento non se pode celebrar o 1 de maio por segundo ano consecutivo pola pandemia do covid-19, tal e como explicou o alcalde, Darío Piñeiro. A administración local espera recuperar en 2022 a feira, así como a festa dos maiores.

O rexedor acudiu este mércores ao supermercado Plenus da Pobra de San Xiao, onde os veciños poden retirar a tenreira. Cada casa é agasallada con dous quilos de carne e a repartición comezou a pasada semana cunha resposta "moi boa". Ata agora acudiron sobre o "80%" das familias, de forma "graduada e sen aglomeracións de xente". Un destes veciños que acudiu a recollela é Anuncia Vázquez, de Ronfe, que a recibiu de mans do alcalde. A lancaresa destacou a "supercalidade" da tenreira galega e bota de menos a feira, que era "moi animada". 

O Concello reparte a carne por semanas e parroquias, xa que "a xente maior desprázase con veciños". Piñeiro animou aos lancareses a consumir tenreira galega e recollela no supermercado para gozar así da degustación nas súas casas. Se non poden facelo cando lles corresponde, poden acudir outro día. A repartición finalizará o 30. No caso de que non se recolla todo o produto, este será entregado ás familias máis necesitadas a través de informe de asuntos sociais.

Coa iniciativa buscan apoiar as gandarías de carne, que están "a pasar un mal momento pola pandemia". Piñeiro subliñou que Láncara é un concello de moita "gandaría" e calculou que conta cunhas 400 explotacións.

O alcalde lamentou que algún concelleiro da oposición, "e máis sendo gandeiro", critique no Facebook do Concello a iniciativa e invitou a estar "todos unidos apoiando o sector cárnico". 

Os veciños opinan

Mercedes Pérez, veciña da Pobra de San Xiao: "A carne de tenreira galega é boísima e así podemos celebrar a festa na casa. A ver se para o ano podemos ter a feira" 


María Luisa Croas, veciña de Larín: "Bótase de menos a Feira da Tenreira, unha cousa a nivel de Láncara para promocionar a tenreira galega"


Dominga López, veciña da Pobra de San Xiao: "Sempre me gustou moito a feira e moito mellor este ano que podemos celebrala co obsequio do Concello" 


Comentarios