A Feira da Tenreira celebrará 25 anos cunha poxa e o pregón de Rosa Sierra

A cita, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, será o día 1 de maio na Pobra de San Xiao, con degustación de carne Suprema, concurso de gando, música e exhibición ecuestre

Asistentes ao xantar do pasado ano no campo da feira da Pobra e Rosa María Sierra Sánchez. AEP
photo_camera Asistentes ao xantar do pasado ano no campo da feira da Pobra e Rosa María Sierra Sánchez. AEP

A Feira da Tenreira Galega da Pobra de San Xiao, que dende hai uns anos goza da consideración como Festa de Interese Turístico de Galicia, celebrará o vindeiro 1 de maio as súas vodas de prata, un aniversario que chega con novidades, como a incorporación dunha poxa de xovencas á programación, e co pregón da xornalista Rosa María Sierra Sánchez, natural do concello lancarés.

A subdirectora de Programación e Emisións da Corporación Radio e Televisión de Galicia tomará o relevo como pregoeira da actriz gañadora dun Goya Benedicta Sánchez e pronunciará o seu discurso ás 13.00 horas no campo da feira da Pobra. Será a segunda vez que Rosa Sierra exerza este papel no seu municipio natal, dado que en agosto do ano 2012 tamén fora elixida para abrir as festas patronais da capitalidade lancará.

Os actos comezarán xa ás dez da mañá coa inauguración da feira e, ás doce, será a recepción de autoridades, seguida dunha degustación gratuíta de queixos artesáns e sidra ecolóxica do país.

Para as 12.30 está prevista a poxa de xovencas da Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga), que se celebrará por primeira vez nesta feira despois de ter que ser suspendida o pasado ano por mor do calendario de vacinación contra a lingua azul.

A sesión vermú, amenizada polo grupo Punto Clave, dará paso á degustación de carne de Tenreira Galega Suprema "ao caldeiro" ou ben costela asada "a repetir", ao prezo de 20 euros por persoa, con bebidas, postre e café, que se celebra baixo unhas carpas no campo da feira e que cada ano congrega e centos de comensais.

Segundo explicou o alcalde, Darío Piñeiro, outra das novidades será que todos os participantes neste xantar entrarán no sorteo dunha becerra, para o cal tamén recibirán rifas todas as persoas empadroadas en Láncara.

Ás 17.00 horas, o público poderá asistir a un espectáculo ecuestre, que se inclúe no programa tras a boa acollida do pasado ano. Ao remate, entregaranse os premios do concurso de gando vacún e seguirá a festa con Punto Clave.

Festa dos Avós e primeiros cantos de taberna o día 30

Con carácter previo á Feira da Tenreira, celebrarase o día 30 a Festa dos Avós, que cumpre 15 anos, e os primeiros cantos de taberna polos bares da Pobra.

A comida dos maiores será ás 13.45 horas nas carpas instaladas no recinto feiral, onde a corporación municipal recibirá os asistentes. Haberá intervencións das autoridades e música pola mañá e na sobremesa.

Para as 18.00 horas está programada unha exhibición das escolas deportivas do Concello no pavillón, e ás 20.30 comezarán os cantos de taberna.

A Praza dos Labradores acollerá ás 22.30 horas unha foliada popular, con degustación gratuíta de tenreira para os asistentes.

O alcalde animou a veciños e visitantes a participar nos actos e gozar deste vixésimo quinto aniversario da popular feira.

Comentarios