martes. 26.10.2021 |
El tiempo
martes. 26.10.2021
El tiempo

A Feira de Artesanía de Triacastela terá 70 postos e cantos de taberna

Demostración de telares en una edición anterior de la feria de Triacastela. ARCHIVO
Demostración de telares en una edición anterior de la feria de Triacastela. ARCHIVO
O divulgador científico Jorge Mira será o pregoeiro deste mercado, o próximo día 28

Máis de 70 postos de artesáns e produtores locais participarán o día 28 en Triacastela na novena edición da Feira de Artesanía e Produtos da Zona, que por primeira vez na súa historia incluirá un certame de cantos de taberna.

Este mercado, que desde os seus inicios se viña celebrando na época de Semana Santa, cambia agora de data para coincidir coa tradicional Feira de Ano de Triacastela, que ten lugar o 28 deste mes, segundo explica a alcaldesa, Olga Iglesias.

Organizada polo Concello, a Asociación de Mulleres Rurais Tres Castros e a Asociación de Artesás do Tear Artelar, a feira conta coa colaboración da Xunta e a Deputación Provincial.

O evento, que se celebraba en Semana Santa, trasládase para coincidir coa Feira de Ano

Estará pregoada polo divulgador científico Jorge Mira, quen xa fora elixido para abrir o evento o pasado ano, aínda que non se puido desprazar a Triacastela por motivos alleos á súa vontade. Tras ser substituído naquela ocasión por María Canosa, este catedrático de Electrofísica comprometeuse a acudir na seguinte edición.

No recinto feiral, onde haberá postos de polbo, poderase gozar de varias exhibicións de artesanía relacionadas coa cestería, os teares, a talla en madeira, a cantería ou o cristal.

Os actos comezarán ás dez da mañá, coa apertura dos máis de 70 postos inscritos, os cales permanecerán activos ata as oito da tarde.

A feira contará con varias demostracións de artesanía, ademais de actuacións musicais e unha obra de teatro

Un pasarrúas da Charanga de Vilalba amenizará o mercado ata as 13.00 horas, cando pronunciará o seu pregón Jorge Mira, coñecido, entre outros, polo programa Coma un allo da televisión autonómica.

O grupo Piornos do Oribio xunto co dúo Dolce Vita porán a nota musical ata a hora para comer. Xa na sobremesa, actuará de novo a charanga e, ás sete da tarde, poderá verse a representación Rara avis de Lila Teatro no local Fonte do Lunar.

Os cantos de taberna en locais de hostalería de Triacastela, novidade desta edición, sucederanse entre as 19.00 e as 22.00 horas, momento este no que comezará unha verbena co dúo Dolce Vita que porá fin aos actos.

A Feira de Artesanía de Triacastela terá 70 postos e cantos de taberna
comentarios