A Feira de Ano de Paradela terá un desfile de carros

O evento, que será este martes, contará cunha degustación de tenreira galega, exposicións e varias actuacións musicais

Paradela celebrará este martes a Feira de Ano e Festa de San Isidro, que contará cun desfile de carros, unha degustación gastronómica e exposicións.

Arrincará ás 10.00 horas coa apertura no mercado gandeiro dunha mostra de raza loura galega, na que colabora Acruga. Unha hora máis tarde actuará a charanga de Paradela.

A partir das 17.00 horas terá lugar polas rúas da localidade un desfile no que participarán catro carros do país, un deles coa imaxe de San Isidro. Irán seguidos por gando e cabalos. Posteriormente oficiarase unha misa solemne.

A música estará moi presente na xornada, xa que a partir das 19.00 horas ofrecerá un concerto a Banda de Paradela, seguido de sendas actuacións da orquestra Fania Blanco Show e o grupo Os Carapaus.

Os veciños e visitantes poderán gozar ás 22.00 horas dunha degustación de tenreira galega, viño da Ribeira Sacra e pan de Paradela. Fania Blanco Show pechará os festexos.

MOSTRAS. Durante toda a xornada haberá unha mostra de maquinaria agrícola, así como unha exposición de pintura e manualidades elaboradas polas alumnas dos cursos da Asociación de Mulleres de Paradela. Esta poderase visitar no centro sociocultural Manuel Oreste Rodríguez López. Ademais, o recinto feiral acollerá pulperías.

O certame, que conmemora o seu vigesimonovena edición, é organizado polo Concello en colaboración coa Asociación para ou Desenvolvemento de Paradela (Adespa), a Deputación Provincial de Lugo, Indicación Xeográfica Protexida Tenreira Galega e Acruga.

Comentarios