O premio Ramón Piñeiro, Facer País, convocado pola asociación cultural Val de Láncara, recaeu nesta edición na familia Seivane, en recoñecemento á súa longa traxectoria "na dignificación da artesanía popular e, nomeadamente, da gaita galega".
Unha vintena de asociacións de Láncara, Sarria e do Corgo conceden este galardón, que dende hai xa 17 anos distingue a aquelas persoas ou entidades que se teñen significado pola defensa da lingua e cultura galegas e que o pasado 2017 correspondeu a Xermolos.
O fallo do xurado fíxose público este martes no concello de Cambre, onde se asenta o obradoiro de gaitas da familia Seivane, cunha tradición de máis de 70 anos. O acto contou coa participación do secretario da asociación Val de Láncara, Carlos López Sierra; o vicepresidente do colectivo sarriao Ergueiros, Luis López Melle; e o alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, entre outros. Este último referiuse á familia Seivane como "unha marca de identidade do noso concello, sinónimo de traballo e bo facer".
Pola súa banda, a asociación Val de Láncara explicou que o premio -que carece de dotación económica e consistirá nunha obra dun artista galego- se entregará o vindeiro domingo, nun acto cultural e musical que comezará ás 11.00 horas cunha recepción na casa do concello da Pobra de San Xiao e rematará cun xantar na honra dos galardoados en Carracedo.