Unha familia leva de novo á Valedora o problema dos accesos a Requeixo

O Concello de Sarria tratará de negociar con dous propietarios para que os veciños afectados poidan pasar por unha vía privada
undefined
photo_camera Pasarela que usa a familia de Requeixo para acceder á súa casa. ARQUIVO

Unha familia de San Martiño de Requeixo (Sarria) continúa sufrindo problemas para chegar á súa vivenda pola falta dun acceso público. Desde hai unhas dúas décadas demanda unha solución e ao non obtela presentou de novo unha queixa ante a Valedora do Pobo, así como un escrito no Concello.

O núcleo atópase a escasos metros do centro urbano, pero estes veciños non teñen un acceso público. Só dispoñen de camiños de titularidade privada ou ben deben cruzar o río Celeiro por unha pasarela peonil que comunica San Martiño de Requeixo coa Rúa Greco de Sarria.

Esta situación cáusalles dificultades á hora de facer a compra, realizar obras ou recibir a bombona de butano. Por exemplo, neste último caso teñen que "facer números", pois deben recollela na pasarela ou pedir permiso para o uso das vías privadas, explica.

A problemática que sofre a familia foi abordada este mércores na xunta de goberno local por mor dun escrito remitido pola Valedora do Pobo. O Concello tratará de dar servizo a estes veciños a través dunha vía privada, para o que deberá negociar con dous propietarios e chegar a algún tipo de acordo.

O Concello alegou que non se pode abrir unha nova pista, xa que non vén prevista no planeamento municipal. A normativa, dixo, non permite abrir vías que non estean recollidas neste. Na zona tamén se atopa un camiño antigo, aínda que ten unha orografía moi complicada para adecualo.

Outra das opcións que viña barallando era a construción dunha ponte sobre o Celeiro, aínda que tería un alto custo e non é viable economicamente.

Doutra banda, na xunta de goberno, ademais, deuse licenza para instalar unhas estadas na Rúa Calvo Sotelo para as obras de legalización do edificio número 70 desta rúa (con fronte tamén a Matías López). Sobre este inmoble pesa unha orde de demolición parcial por mor dunha sentenza xudicial e a comunidade de propietarios solicitara permiso para executar uns traballos de legalización, concedido xa en novembro.

Comentarios