Un fallo na locomotora do trenhotel afecta a máis dun centenar de viaxeiros

As incidencias na circulación de trens que obrigan a trasladar aos pasaxeiros por estrada veñen producindo con frecuencia, ben sexa por falta de maquinistas ou por problemas nas máquinas.

www.santylopez.com
photo_camera O tren que sufriu a avaría, parado na estación de Sarria.

A locomotora do trenhotel que cobre o traxecto entre A Coruña e Barcelona sufriu unha avaría este venres pola mañá na estación de ferrocarril de Sarria, o que obrigou a trasladar por estrada ao longo do día a máis dun centenar de viaxeiros.

A incidencia afectou pola mañá a un total de 40 pasaxeiros, que foron desprazados en autobús. Pola tarde, Renfe habilitou autocares para outras 75 persoas entre A Coruña e Monforte ao non poder facer uso deste tren, con saída da cidade herculina ás 17.49 con destino a Barcelona.

A media tarde o convoi permanecía na estación de Sarria logo de sufrir un fallo que, segundo diversas fontes, debeuse á rotura da locomotora, o que levou a mobilizar persoal técnico.

As incidencias na circulación de trens que obrigan a trasladar aos pasaxeiros por estrada veñen producindo con frecuencia, ben sexa por falta de maquinistas ou por problemas nas máquinas.

Por exemplo, entre o día 1 de outubro e o 3 de decembro houbo 26 fallos que afectaron o ferrocarril na provincia. A finais do pasado mes, unha avaría na catenaria tamén deixou sen servizo os trens entre O Bierzo e Galicia. Só un día despois, o tren da liña que conecta Monforte con Ponferrada tivo que ser suspendido de novo pola ausencia de material, que obrigou a desprazar aos viaxeiros en taxi e autobús.

venda de billetes. Por outra banda, está xa en vigor a supresión da venda presencial de billetes na estación de Sarria e noutras sete de Galicia, incluídas as de Viveiro e Burela. No conxunto de España son 150, segundo datos do sindicato CXT, que se mostrou moi crítico con esta medida.

Renfe indicou nun comunicado que a venda está "garantida" en todas elas habilitando máquinas autoventa (en Sarria aínda non a hai), nas oficinas de Correos, a bordo dos trens por medio dos interventores, por canle telefónica e a través de internet.

Segundo dixo, a supresión deste servizo prodúcese naquelas estacións nas que Adif viña desenvolvendo esta actividade, e que deixa de prestar "como consecuencia do proceso de liberalización do transporte de viaxeiros por ferrocarril". A venda presencial, engadiu, mantense en estacións con máis de 100 viaxeiros diarios.

Comentarios