A estación de tren de Sarria volverá vender billetes o martes

Un factor de circulación de Adif ocuparase das instalacións de Sarria ata que se adxudique o contrato para externalizar o servizo
Un tren en la estación de Sarria. VILA
photo_camera Un tren na estación da localidade de Sarria.

A estación de ferrocarril de Sarria recuperará o vindeiro martes a venda presencial de billetes, un mes despois de que perdese este servizo. Ocuparase diso un factor de circulación do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), segundo confirmaron desde este organismo.

A medida será provisional, xa que Adif está pendente de adxudicar un contrato para dotar ás instalacións de persoal externo, informaron fontes da entidade. A empresa ocuparase da venda de billetes e atención ao público. O contrato adxudícao Adif, aínda que despois Renfe farase cargo do mesmo, indicaron. Nel inclúense tamén as estacións de O Carballiño e Ribadavia.

O operario de Adif que se fará cargo por agora da venda de billetes farao no mesmo horario que tiñan as instalacións ata decembro (abrían de luns a venres). Estas permanecen pechadas desde entón e a pasada semana foron sometidas a unhas obras, que consistiron na instalación dunhas portas automáticas.

A estación non dispón da venda de billetes desde o pasado mes, do mesmo xeito que unhas 140 instalacións de toda España. Con todo, hai unha semana o Goberno central anunciou que todas elas recuperarían o despacho de billetes, servizo que se pretendía substituír pola colocación dunha máquina expendedora. Esta non chegou a ser instalada en Sarria. Naquelas dependencias que si se fixo só hai opción de compra para viaxes de longa distancia.

A supresión da venda presencial de billetes na estación sarriá xerou un gran malestar no municipio. O asunto será tratado, ademais, no pleno ordinario da próxima semana. O grupo do PP presentou unha moción para reclamar a Renfe e Adif manter o servizo de despachos de billetes e o persoal suficiente para que permaneza aberta a estación. Ademais, solicita que o Concello instale no inmoble, ou nas súas inmediacións, unha oficina de información dirixida principalmente aos peregrinos.

O PSOE tamén levará unha moción, na que instará ao Concello a asinar un convenio de colaboración con Renfe para contratar a un traballador que complete a xornada laboral do único operario existente.

Comentarios