O escultor José Antonio Quiroga expón 80 obras nun baixo de Sarria

Todas as creacións teñen compoñentes de crítica, sobre todo de carácter social, como aos contidos televisivos ou ao consumismo

2019071511343246285
photo_camera O artista José Antonio Quiroga, xunto a unha das súas obras. D. M. P.

Máis de 80 obras artesanais do escultor sarrián José Antonio Quiroga están expostas nun baixo no número 16 da rúa Matías López. A colección estará aberta "por momentos", como explica o autor, posto que entende a arte como unha afección e non unha obriga.

"Todas son pezas únicas", explica este sarrián das súas obras, engadindo que se lle solicitasen realizar dous iguais, non sería capaz. Na exposición pódense observar creacións moi variadas, desde unha cadeira a un televisor cun retrete encima e o motivo é "que a xente ou vexa", comenta. Todas as creacións foron realizadas co fin de crítica, maioritariamente de carácter social, como aos contidos televisivos ou ao gran consumismo da sociedade, e que supón para José Antonio Quiroga "unha forma de aprender".

Este artista, dabondo coñecido en Sarria logo de traballar uns 25 anos na hostalería, comezou fai uns dez no mundo da arte, desde a súa xubilación. "Un amigo regaloume unha gubia" coa que viu as súas habilidades nun taboleiro, recorda. Co paso do tempo realizou varios cursos de talla de madeira e así gañou as habilidades necesarias para traballar.

O proceso de atopar material é moi longo, debido a que traballa principalmente con troncos de madeira que acha en ríos e presas, labor facilitado cando hai crecidas. A auga, a parte de xuntarlle o material, vai puíndo a forma. Agora mesmo traballa con outros, como os metais, incorporándoos madeira ou de xeito íntegro, como as tres esculturas do miradoiro da Rúa Mercede, no antigo cárcere. O seguinte paso é limpar as pezas e eliminar as partes "que non me din nada", sen ter unha idea clara do que vai facer. Explica que ata finalizalas non sabe o que vai transmitir.

Quiroga pretende instalar unha escultura en cada concello do Camiño de Santiago

José Antonio Quiroga ten en mente pór en marcha un ambicioso proxecto de face o Xacobeo de 2021. A súa idea é instalar unha escultura en cada un dos concello do Camiño, desde Pedrafita a Santiago de Compostela. Xa iniciou os trámites coa presentación do seu proxecto en varias reunións cos organismos correspondentes na Cidade da Cultura da capital compostelá.

En canto a este proxecto, comenta que se pode manter de carácter permanente desde o Ano Santo ou tamén levar a outras localidades. Con todo, recalca que "teñen que ser en Galicia", xa que se non perdería o impacto que quere mostrar, como que os materiais cos que traballa son propios da comunidade. En canto ao seu futuro profesional, non se pon límites, tan só "ou da idade", comenta cun sorriso que delata a paixón que emprega no seu traballo.

Comentarios