Escontrela tacha de "indigna" unha carta anónima sobre a residencia

O escrito acusa a unha responsable do centro de levar comida en bo estado
Residencia de mayores de Sarria. AEP
photo_camera Residencia de maiores de Sarria. AEP

O alcalde de Sarria, o secretario do Concello e outras persoas e organizacións recibiron nas últimas horas unha carta anónima con acusacións sobre a retirada de comida en bo estado da residencia de maiores Nosa Señora do Carme de Sarria, feito que o concelleiro responsable do centro, Benjamín Escontrela, cualificou de "indigno".

Pola súa banda, o alcalde, Claudio Garrido, asegurou que os únicos produtos que saen do xeriátrico son desperdicios, que algunhas persoas recollen con autorización para alimentar aos seus animais.

O escrito, asinado por "un sarrián indignado", foi enviado por correo ordinario e no encabezado pódese ler "pago de favores do señor alcalde e Benjamín Escontrela". No texto alude directamente á gobernanta do centro, co seu nome, ao seu marido e a outro traballador, do que tamén dá nome, aos que acusa de levar da residencia no seu vehículo comida "en perfecto estado" procedente do Banco de Alimentos.

A carta, na que se inclúen imaxes de varias persoas con produtos xunto a un coche, pide a destitución da traballadora e de Escontrela á vez que se pregunta "que pensarán os sarriáns sobre esta xestión dos alimentos" no xeriátrico.

Claudio Garrido, sinalou tamén que "a validez dun anónimo é nula e demostra moi pouca valentía"

REACCIóNS. A traballadora aludida preferiu este martes non facer declaracións de momento mentres que Escontrela dixo que "unha denuncia cun anónimo non é de recibo". "Paréceme indigno e de covardes. Habería que substituír "sarrián indignado"por indigno", declarou o concelleiro e presidente da xunta reitora da residencia, quen non entrou ao fondo do asunto ao enmarcalo dentro dunha campaña "de acoso e derriba sen dar a cara" cara a esta traballadora, tras o seu nomeamento como gobernanta.

Pola súa banda, o alcalde, Claudio Garrido, sinalou tamén que "a validez dun anónimo é nula e demostra moi pouca valentía", á vez que comparou o envío destes escritos por parte de persoas sen identificar cos perfís falsos en redes sociais.

Segundo indicou, tras recibir esta misiva púidose en contacto coa cociña da residencia de maiores -que ten a consideración de organismo autónomo dependente do Concello- onde lle explicaron que "a única comida que sae" do centro son alimentos en mal estado, como froita pasada, que non reúne as condicións para servir aos internos e que en ocasións a levan para os porcos como é o caso". "Ninguén está a roubar nada", concluíu o rexedor.

Comentarios