Ergueitas e Concello de Sarria convocan de novo o premio Fiz Vergara Vilariño

O certame de poesía, dotado con 6.000 euros e a publicación da obra gañadora, ten aberto o prazo de recepción de traballos ata o 12 de xuño
Presentación del libro ganador de la vigésima primera edición del galardón. AEP
photo_camera Presentación do libro gañador da vixésima primeira edición do galardón. AEP

O Concello de Sarria e a agrupación cultural Ergueitas convocan a vixésima terceira edición do premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, dotado con 6.000 euros e a publicación da obra gañadora por parte da editorial Espiral Maior.

O prazo de recepción de traballos abriu o pasado venres, 14, por un tempo de 60 días naturais, de modo que finalizará o 12 de xuño. As obras presentadas deben estar escritas en lingua galega e contar cunha extensión mínima de 500 versos. Os orixinais terán que ser inéditos e non premiados en ningún outro certame.

Os aspirantes enviarán os seus poemarios por correo certificado ao Concello de Sarria (Rúa Maior, número 14) por cuadriplicado e co nome do autor ou autora nun sobre pechado.

O xurado estará composto por "persoas de recoñecido prestixio no mundo da creación ou a crítica literaria", segundo recollen as bases, publicadas o Boletín Oficial da Provincia de Lugo.

Fallo do xurado

A concelleira de cultura e a presidenta de Ergueitas actuarán, respectivamente, como presidenta e secretaria do xurado, ambas con voz pero sen voto. O fallo darase a coñecer antes do 30 de decembro.

O premio Fiz Vergara, que homenaxea o poeta samonense do mesmo nome, recibiu na súa última edición un total de 67 traballos, entre os cales resultou elixido por unanimidade o poemario do monfortino Antón Lopo.

Hai só uns días tamén se presentou na casa da cultura de Sarria o libro gañador da vixésima primeira edición deste premio, Montaña Ioga, da autoría da coruñesa Lupe Gómez.

Comentarios