martes. 26.05.2020 |
El tiempo
martes. 26.05.2020
El tiempo

Endesa porá en marcha de forma "inminente" os dous parques eólicos de Paradela

Autoridades, representantes de Endesa e xogadores do Obradoiro, nun dos parques eólicos de Paradela. VILA
Autoridades, representantes de Endesa e xogadores do Obradoiro, nun dos parques eólicos de Paradela. VILA
As instalacións, con 27 turbinas, suman unha potencia de 54 megavatios

Enel Green Power España, a filial de enerxías renovables de Endesa, anunciou este mércores a "inminente" posta en funcionamento dos parques eólicos de Paradela, con 12 megavatios de potencia, e de Serra das Penas, de 42 megavatios, ambos no mesmo municipio. O investimento realizado neles roldou os 60 millóns de euros.

A empresa fixo este anuncio despois de que o conselleiro de Economía, Francisco Conde, e o alcalde de Paradela, José Manuel Mato, acompañados polos xogadores do equipo de baloncesto Monbus Obradoiro —único representante galego na liga Endesa de baloncesto nesta tempada—, visitasen as instalacións dos dous parques.

No acto, Conde destacou a oportunidade que o desenvolvemento do sector eólico supón para a creación de emprego, a xeración de riqueza e para a loita contra o cambio climático. O conselleiro destacou que Galicia "está a recuperar e consolidando o tecido industrial vinculado ao sector eólico galego" e avanzou que antes de que termine o primeiro trimestre de 2020 Galicia sumará "unha vintena de parques en funcionamento que supoñen 480 MW instalados e un investimento na comunidade de 567 millóns de euros". 

Os parques están dotados con 27 turbinas de dous megavatios (MW) de potencia unitaria, que, en conxunto, evitarán a emisión anual de ao redor de 126.000 toneladas de dióxido de carbono á atmosfera. O diámetro de pas de cada un dos aeroxeradores é de 114 metros e teñen unha torre de 93 metros de altura.

Na construción, na que traballaron de media 220 persoas, aplicouse o modelo de "sitio de construción sostible" de Enel Green Power, que, segundo informa a empresa, inclúe a instalación de paneis solares fotovoltaicos para cubrir parte das necesidades enerxéticas durante a obra. Ademais, adoptáronse medidas de aforro de auga, mediante a instalación de depósitos e sistemas de recollida de choiva.

Finalizados os traballos, tanto os paneis fotovoltaicos como os equipos de aforro de auga serán doados ao municipio de Paradela para o seu uso público.

Endesa porá en marcha de forma "inminente" os dous parques eólicos...
comentarios