Un empresario proxecta retomar a corrida de touros nas festas de San Xoán

Pediu permiso en Sarria para instalar unha praza. O goberno denega terreos municipais para este evento

Jesulín de Ubrique, en una corrida que en Sarria. EP
photo_camera Jesulín de Ubrique, en Sarria. EP

Unha entidade privada, da que forma parte un coñecido empresario taurino, proxecta organizar en Sarria unha corrida de touros durante as festas de San Xoán, retomando así un acto que tivo lugar por última vez na localidade no ano 2014.

Polo momento, presentou no consistorio unha solicitude de permiso para a instalación dunha praza móbil, co fin de celebrar a corrida taurina na vila o próximo 24 de xuño, día grande das patronais cun cartel que non se deu a coñecer, pero que podería estar xa avanzado.

O grupo de goberno -formado por PSOE, BNG e unha concelleira non adscrita-, que no seu día pactou que non financiaría ningún evento destas características, descarta achegar fondos públicos e denega tamén facilitar terreos de titularidade municipal para este fin.

Ante esta situación, as persoas que promoven a corrida de touros xestionaron a cesión dunha parcela de propiedade privada para instalar a praza, que se atopa situada nas inmediacións da rotonda da Rúa Castelao, preto dos institutos e do cuartel da Garda Civil.

O seguinte paso foi solicitar autorización no Concello, que esixe, entre outros requisitos, a presentación dun proxecto técnico avalado por un arquitecto conforme a praza reúne as condicións necesarias para conceder licenza, que está en estudo.

Precisaríanse, de igual modo, varios permisos por parte da administración autonómica para celebrar un acto deste tipo.

PRECEDENTES. A última corrida de touros durante as festas de San Xoán de Sarria celebrouse en 2014, durante o mandato do PP. Naquela ocasión, tourearon na vila Jesulín de Ubrique e Julio Benítez El Cordobés, ademais de Miguel Ángel Cañas, Luís Gerpe e Óscar Mota, quen reuniron a 2.700 persoas na praza móbil.

Ao ano seguinte, o novo goberno descartou participar na corrida con medios económicos ou materiais, tras o que acabou celebrándose no municipio de Triacastela, organizada pola asociación Xaora e rodeada dunha gran polémica, con protestas e cun cartel formado por Julio Benítez, José Antonio Canales Rivera, Cristina Hernández e Óscar Mota.

Tras o parón de 2016, o pasado ano, coincidindo coas Feiras de Primavera, volveron xurdir rumores de trasladala ao Páramo, que acabaron sendo desmentidos polo goberno deste concello.

Comentarios