Un empresario de Oural lanza unha aplicación para mulleres deportistas

Sywom busca a igualdade de xénero e ser un punto de encontro para os usuarios

Edgardo Martínez, creador de Sywom. R.C.A.
photo_camera Edgardo Martínez, creador de Sywom. R.C.A.

A aplicación para dispositivos móbiles Sywom (Synergy Women) naceu en Oural, no concello de Sarria, coa intención de romper barreiras. O seu ideólogo, Edgardo Martínez, puxo en marcha este servizo pensado para mulleres vinculadas ao deporte onde se dá importancia á inclusión e a igualdade. "Eu puiden estudar grazas á miña carreira deportiva", asegura Martínez, que confía en que as novas xeracións de mulleres tamén conten cunhas axudas iguais ás dos homes.

Esta aplicación, que apenas leva unha semana dispoñible nos dispositivos Android, naceu como un servizo web pero o bo recibimento fíxolle dar un paso máis. Os seus usuarios, na súa maioría mulleres, teñen no peto catro funcións diferenciadas: atopar traballo, comprar material deportivo, un muro para compartir novidades e unha axenda con eventos.

A través de Sywom, os empresarios poden atopar a novos traballadores, "publícase a oferta e se ti estás interesado aplicas nela", explica Martínez. Esta sección naceu porque eles mesmos tiveron problemas para atopar a alguén con formación específica en baile para o seu ximnasio. Desta forma, segundo indica o seu creador, será un proceso máis rápido e directo tanto para traballadores como para empresarios.

"Outro dos puntos fortes desta aplicación é a tenda. Máis que un lugar de venda para as marcas, está pensado como un sitio de intercambio de obxectos deportivos entre usuarias", detalla o seu fundador. Sywom naceu para "crear sinerxías" e para iso hai un muro no que os membros poden compartir as novidades.

O cuarto elemento axuda na "xeolocalización de eventos deportivos femininos, non só en España, senón en calquera punto", o que permite usar a aplicación en todo o mundo. Martínez ten claro que Sywom naceu cunha finalidade clara que quere manter, romper as barreiras que separan ao deporte feminino do masculino.

Nas próximas semanas lanzarán a aplicación noutro sistema operativo e, a partir de aí, xa estará dispoñible para todas aquelas persoas que queiran decatarse das novidades no deporte feminino. "Temos unha base de datos ampla e agora empezaremos a traballar para conseguir usuarios", asegura Martínez, que se mostra ilusionado con este proxecto no que, de momento, traballa a pequena escala. Contan con tres persoas que lle permitiron desenvolver a aplicación, xerar contido nas redes sociais e construír unha imaxe, pero igual nuns anos esta aplicación nacida en Oural sitúase entre as máis descargadas.

Martínez é precavido e vai paso a paso, agora chega a quenda de dar a coñecer Sywom, logo de máis de dous anos de traballo e moitas probas.

Comentarios