Unha empresa recorre os pregos do contrato da piscina cuberta de Sarria

A xunta de goberno local desestimou a reclamación, sobre a que deberá pronunciarse e resolver o tribunal competente da Xunta
Dos socorristas vigilan los vasos en la jornada de puertas abiertas.
photo_camera A piscina climatizada de Sarria. AEP

Unha empresa presentou un recurso contra os pregos do contrato de servizos para a piscina climatizada de Sarria. O Concello desestimouno, pero agora debe pronunciarse o tribunal de contratación da Xunta.

As bases sinalan que se puntuará estar en posesión de tres certificados de calidade ISO, o que a firma non considera correcto, polo que recorreu. A xunta de goberno local celebrou este xoves unha sesión extraordinaria na que desestimou a reclamación e o Concello deu traslado ao tribunal de contratación da Xunta de Galicia —entidade que debe pronunciase— para a resolución do recurso, indicou o alcalde, Claudio Garrido.

No caso de que este organismo lle dese a razón á empresa, o Concello debería modificar os pregos do contrato e iniciar o proceso de novo. Segundo explicou o rexedor, se, pola contra, rexeita a reclamación, a Administración local continuaría co procedemento.

Hai unhas semanas o Concello sacou a licitación o contrato de servizos das instalacións por un importe de 310.817 euros anuais e un prazo de execución de dous anos, así como un terceiro de prórroga. Nel inclúese tamén a xestión das piscinas exteriores do Chanto.

As empresas teñen ata o próximo 15 de novembro para remitir as súas ofertas e por agora non se presentou ningunha. A firma adxudicataria deberá ocuparse dos servizos de coordinación e xestión técnica, limpeza, conservación, mantemento, vixilancia, atención e control de usuarios, e a impartición de actividades deportivas nas dúas instalacións.

O Concello tamén sacou a contratación hai unhas semanas o equipamento do ximnasio da piscina cun renting por catro anos e unha contía de 237.000 euros. Nel contémplase a subministración, instalación e mantemento de material deportivo cardiovascular e de musculación, así como do sistema de control de accesos para a infraestrutura. Neste caso xa se pechou o prazo de remisión de ofertas e presentáronse dúas, tras o que deberá adxudicar a mesa de contratación.

Comentarios