Emprender en tempos de covid

A sarriá Noemi Díaz acaba de abrir o seu primeiro negocio, un centro de estética, a pesar da pandemia
Noemí Díaz García, en las instalaciones de Gaia. VILA
photo_camera Noemí Díaz García, nas instalacións de Gaia. VILA

Os convulsos tempos do covid-19 non arredraron á moza sarriá Noemi Díaz García á hora de perseguir o seu soño. Aos seus 27 anos, e cunha mochila cargada de ilusión "e ganas", acaba de abrir o seu primeiro negocio, un centro de estética, convencida de que "se te esmeras en que che vaia ben, e o intentas, ao final conséguelo, con pandemia ou sen ela".

Gaia é o nome elixido para o establecemento que puxo en marcha na rúa Calvo Sotelo de Sarria, xunto ao cruzamento de Catro Camiños, un proxecto para o cal contou co apoio dos seus pais e a súa parella, e co que cumpre o desexo de ser a súa "propia xefa".

Pero, antes, Noemi Díaz tiña a súa vida orientada cara ao ámbito do deporte. Cursou un ciclo de animación e actividades físicas en Lugo e traballou no ximnasio Body's, que rexenta o seu pai, ata que lle diagnosticaron unha enfermidade crónica no xeonllo, pola cal xa foi operada dúas veces sen descartarse unha terceira.

Contenta coa acollida, di que "se te esmeras e o intentas, ao final conséguelo"

Segundo relata, os médicos aconselláronlle entón que se expuxese dedicarse a outro tipo de traballo e, tras someterse á primeira intervención cirúrxica, en decembro de 2018, decidiu envorcarse no sector da estética asistindo a cursos de formación.

En setembro do pasado ano alugou o local de Catro Camiños –anteriormente ocupado por unha mercería e máis tarde por unha frutería–, tirando de aforros e renovándoo por completo.

A pandemia "complicou un pouquiño" a execución da reforma, pero en ningún caso botou para atrás a esta emprendedora, á que si condicionou no sentido de dedicarlle "máis horas".

"Como te pares moito a pensar nunca o fas, sempre atopas unha escusa. Neste país levas unha crise detrás doutra", reflexiona a moza, quen confía no esforzo e a perseveranza como claves do éxito.

Tras meses de reforma, o pasado febreiro abriu ao público e, a pesar de toparse co peche perimetral, móstrase "contentísima" coa acollida da clientela. "A xente ao entrar o primeiro que comenta é a amplitude do local e o bonito que quedou. Tamén me di: "Que atrevida e que valor abrir agora!". Pero eu non considero que fose valor porque era unha idea que tiña de antes. Sempre quixen facelo", explica Noemi Díaz.

CLIENTELA. Á fronte do salón Gaia ofrece tratamentos de estética, masaxes, unllas ou depilación, sendo estes dous últimos os máis demandados por un tipo de cliente sen límite de idade. "Vén desde xente nova ata a miña avoa de 90 anos", sinala esta sarriá, quen tamén ten demanda entre os homes. "O estereotipo de que son cousas de muller estamos a retiralo. Cóidase calquera e a todos gústanos vernos ben", apunta.

Ademais, puido comprobar que a pandemia non freou a aquelas persoas que tiñan por costume facer uso deste tipo de servizos. "A xente que se arranxa, por norma xeral ségueo facendo", engade a esteticista, quen si notou a ausencia de eventos sociais. "Iso repercute moito. Por exemplo, eu tamén fago tocados e, se non hai vodas, non os vendo", exemplifica. O que non cambia, con pandemia ou sen ela, é a súa "ilusión". "Eu veño contenta a traballar", conclúe.

Crea e vende obxectos de artesanía
A afección pola artesanía é outra das facetas de Noemi Díaz, quen quixo darlle presenza no seu proxecto. Por iso, en Gaia pon á venda, ademais de cosmética natural, obxectos de bixutería, complementos e decoración elaborados por ela mesma. "Fixen artesanía toda a vida e, cunha pandemia e dúas operacións, tes máis tempo", afirma.

AMANTE DA NATUREZA. A moza declárase "amante dos animais e a natureza". Por iso, quixo que a decoración do seu local fose "moi natural, con madeira clarita e con plantas". Coa esperanza de poder contratar persoal no futuro, non dubida en asegurar que Sarria "se está envorcando moitísimo no pequeno comercio".

Comentarios