A embaixada colabora coa familia do mozo sarrián falecido en Costa Rica

Os irmáns de Pedro López Canoa viaxaron a semana pasada ao país centroamericano para facerse cargo dos seus restos

2018111917203763022
photo_camera 2018111917203763000

SARRIA. A embaixada de España en Costa Rica atópase en contacto «permanente» cos familiares do mozo sarrián Pedro López Canoa, falecido nun accidente de circulación neste país, así como coas autoridades locais que investigan o ocorrido.

Así o explicaron este martes fontes da Oficina de Información Diplomática, quen precisaron que tamén se ofreceu á familia da vítima «asistencia consular».

As mesmas fontes confirmaron que o pasado venres se rexistrou un accidente no barrio de Pavas, na cidade de San José, a consecuencia do cal faleceu un mozo de nacionalidade española.

Aínda que non concretaron a identidade da vítima por razóns de protección de datos, trátase de Pedro López, en cuxa memoria se celebrou o pasado domingo unha multitudinaria misa na igrexa do convento da Mercé.

Dous irmáns do mozo viaxaron esta semana a Costa Rica para facerse cargo dos restos do falecido e decidir sobre unha posible repatriación.

Pedro López era moi querido en Sarria, onde a súa morte causou un fondo pesar.

Comentarios