sábado. 26.09.2020 |
El tiempo
sábado. 26.09.2020
El tiempo

Efren Castro: "Creo que logramos neste ano estabilizar a Deputación e aportar imaxe de seriedade""

Efren Castro. ARCHIVO
Efren Castro. ARCHIVO
O deputado nacionalista Efrén Castro destaca como logro deste primeiro ano do novo goberno no ente provincial a consecución de "estabilidade" nunha administración que viña marcada polos "bandazos". Dende as súas áreas de responsabilidade aposta polo "deporte feminino e a canteira" e márcase como obxectivo renovar varias instalacións

Vén de cumprir un ano como voceiro do BNG na Deputación e reponsable de deporte e artesanía. Que balance fai deste período? Era unha honra e un reto ser voceiro, responsabilidade que creo que foi bastante positiva. Nas áreas de goberno foi unha nova aprendizaxe noutra administración, con máis recursos pero un pouco máis despegada do cidadán có Concello, aínda que co parecido de que en deportes se mantén a conexión cos clubs. O balance é positivo. Creo que conseguimos estabilizar esa Deputación que levaba catro anos con moitos bandazos e estamos contentos cos proxectos e con esa imaxe de seriedade que se aportou neste primeiro ano. Nós e o PSOE non somos o mesmo proxecto e temos diferenzas, pero se entras nun goberno é importante conseguir esa estabilidade e que non lle afecte á cidadanía.

A quen atribúe ese mérito? Creo que para conseguilo fan falta dúas partes. O BNG onde está é responsable e serio. Evidentemente, nun bipartito todos temos que poñer da nosa parte. 

En que diría que puxeron a marca BNG na Deputación de Lugo? Por exemplo, no máis clave: o reparto baixo criterios obxectivos dunha gran cantidade de diñeiro sen ter que pedir favor político, comparativamente ademais coa Xunta. Tamén nesa seriedade, na defensa da cultura galega...

Á hora de tomar as decisións cos seus socios do PSOE, consensúan todo? Hai dous gobernos? Chegamos a acordos de liñas programáticas e obxectivos de lexislatura. Despois hai bastante liberdade nas áreas. Aqueles proxectos que poden ser máis transversais sentámonos a falalos. Aí a relación é moi fluída. Non hai dous gobernos. Na túa área fas ti a túa planificación, que despois compartes, pero non temos roces para chegar a desenvolver as políticas.

Memoria Histórica: "Non queremos ser revanchistas, pero si que cremos que hai que dar pasos para dignificar as vítimas da ditadura"

E agora que ten esta experiencia, volvendo a vista atrás, como valora a do goberno en coalición do que formou parte en Sarria? Era unha situación moito máis complexa a do goberno de Sarria. Non había estabilidade. O de non ter unha maioría ó final é difícil para o que goberna e acaba sendo malo para os cidadáns. De aí que intentemos facer oposición construtiva. Na anterior lexislatura incluso se no goberno conseguiamos estabilidade, que non sempre era fácil, non nos chegaba para poder desenvolver un proxecto.

Niso tamén influirán as persoas... Si, os talantes de quen negocia é algo que non se pode extraer.

Unha das súas últimas decisións das súas áreas é a retirada de retratos de presidentes franquistas. Creamos este ano a área de Memoria Histórica, parecíanos que non ten sentido que a xente que estivo nunha ditadura golpista teña un posto de honra. Tampouco queremos ser ‘revanchistas’, pero si que cremos que hai que dar eses pasos de dignificar as vítimas.

Tamén no Concello, cando estivo no goberno, acordaron cambiar o nome das rúas Calvo Sotelo e José Antonio. Espera que vaia adiante? Temos o compromiso do actual goberno de que se podería levar adiante e imos reclamalo.

Outro aspecto no que se significou foi na loita contra a violencia machista. Ve suficiente a implicación das administracións públicas? Non, creo que nin as administracións nin como sociedade estamos facendo todo o que deberiamos. Segue habendo moitas cousas que pasan e non deberían pasar. Por sorte cada vez hai máis mulleres visibles e con poder que están loitando niso e eu como home o que fago é acompañar esa loita porque me parece que é unha das lacras grandes desta sociedade.

"A pasarela metálica provisional é unha solución que aportaría, polo menos, que deixara de estar cortada a ponte"

En clave local, que opina da pasarela provisional en Ponte Ribeira que financiará a Deputación? Todo o que sexa que se abra a ponte, e xa van demasiados atrancos, cremos que é positivo. No que ten que ver coa pasarela provisional é unha solución que aportaría polo menos que deixara de estar cortada. Cremos que debería ir acompañada da aprobación do plan de protección do casco histórico.

Como sarriao e amigo de Ana Pontón, que análise fai dos resultos das autonómicas neste concello? Foi reflexo do que pasou en todo o país, a consolidación de Ana como unha líder moi sólida e que xenera confianza. A nivel sarriao tivemos un 25% de votos, resultados mellores que na provincia. Puido influír que Ana sexa de Sarria e loitas como as do colexio Frei Luis. Hai catro anos ó mellor non soñabamos con estas porcentaxes, que nos dan maior responsabilidade.


Área de deportes 

"Imos facer unha campaña propia para poñer o foco nos innumerables referentes femininos"

"Moi contento" coa salvación "moi custosa e case heroica" do Lugo, e con expectativas de ascenso na nova tempada para o Breogán, Efrén Castro non deixa de citar tamén clubs como o Burela, un "exemplo no deporte feminino"e, segundo di, "un espello que irradia a toda a provincia".

Que plans teñen na Deputación para fomentar o deporte feminino e de base na provincia? Aqueles proxectos que pulan polo deporte feminino e a canteira son nos que máis nos mollamos. Temos un proxecto que debería estar xa, pero colleunos o coronavirus, que é unha campaña propia que vai versar sobre o deporte feminino. Parte vai ser de promoción e outra con charlas. Cremos que vai ser un éxito. Unha campaña para centrar o foco en todos eses referentes femininos, que na provincia son innumerables.

Que lle gustaría deixar feito neste mandato na área de deportes? Avanzar na igualdade entre homes e mulleres, seguir axudando a ese deporte de base que ao final é o que máis hai que promocionar desde as institucións e deixar un pouco renovadas algunhas das instalacións que ten a Deputación. Algunhas como a escola de piragüismo irán en breve e outras son máis complexas como o Pazo, pero que si necesitarían algunha actualización. Con eses obxectivos sería unha boa lexislatura.

Efren Castro: "Creo que logramos neste ano estabilizar a Deputación...
comentarios