Unha ducia de anticuarios estarán na Feira de San Lázaro de Sarria en maio

O evento, que será os días 4 e 5 , contará con exposicións de talla en madeira, bolillos, olería
e bonsais. Haberá tamén música e, como novidade, un taller infantil de elaboración de galletas
Un grupo de gaitas desfila xunto aos postos nos que se expoñen obxectos antigos. AEP
photo_camera Un grupo de gaitas desfila xunto aos postos nos que se expoñen obxectos antigos. AEP

Unha ducia de postos de anticuarios, a metade deles de Sarria, participarán os vindeiros días 4 e 5 de maio na vixésimo sétima edición da Feira de San Lázaro de Antigüidades e Restauración, que se celebrará na Rúa Porvir e en Marqués de Ugena.

Este mercado urbano contará cos profesionais do sector en Sarria xunto con outros anticuarios e coleccionistas chegados dende A Coruña, Lugo ou A Pontenova, que ofrecerán ao público unha grande variedade de mobles e obxectos cun mínimo de 50 anos de historia, así como pezas vintage.

Segundo explicou a concelleira de Festas, Geni Valcárcel, a feira incluirá varias exposicións e demostracións de oficios. Así, na casa da cultura amosará os seus traballos de bolillos a Asociación de Palilleiras Camiño de Santiago de Sarria e na antiga escola-taller poderá verse unha selección de bonsais do colectivo El Serbal.

Nas mesmas carpas nas que estarán as antigüidades haberá tamén exhibicións de talla en madeira de Sarricanta e de cerámica a cargo de Manuel Fernández. Como novidade, a artesá Lourdes Pombo, de Torta de Sarria, impartirá un obradoiro infantil de galletas, tanto sábado como domingo, de 16.30 a 18.00 horas.

A música e danza tradicionais correrán a cargo de Meigas o primeiro día e Peleriños o segundo, en ambos casos á seis da tarde.

A concelleira invitou a veciños e veciñas, visitantes e peregrinos a acudir a esta feira e "escoitar" o que transmite cada unha das pezas alí expostas porque "hai auténticas reliquias cheas de historia". Geni Valcárcel lembrou que a través das antigüidades pódese coñecer "a maneira de traballar dos nosos antergos", pero tamén os lugares nos que foron rescatadas ou a vida dos seus propietarios.

Ademais, destacou a faceta didáctica destas pezas, que axudan as novas xeracións a entender a evolución que se viviu con elementos cotiáns como un candil, un muíño de café ou un teléfono.

Valcárcel animou a desfrutar da "maxia" do coleccionismo e das antigüidades, e tivo un recoñecemento para restauradores e todas as persoas souberon conservar e perpetuar estes obxectos únicos.

Comentarios