Os dous cans abandonados en Fontabuín atopan fogar cunha familia de Taboada

Os cachorros, cruce de mastín e pastor, foron para unha casa que conta con explotación
Perro abandonado en Fontabuín
photo_camera Un dos cans abandonados en Fontabuín. EP

Os dous cans que foran abandonados o pasado mes de marzo en Fontabuín, no concello de Sarria, atoparon un fogar. Este mesmo xoves, ambos cruce de pastor e mastín, duns catro meses e medio de vida, partiron cara a Taboada, onde foron adoptados por unha familia que ten unha explotación.

Segundo explicou a veciña que os coidou durante todo este tempo, os novos propietarios enteránronse de que os dous cans buscaban casa pola noticia publicada por este diario. Contactaron entón cun veterinario que coñecen en Sarria que, á súa vez, é amigo da veciña que recolleu os cachorros, quen se mostra agradecida e contenta, convencida de que Fermín e Luna (nomes cos que os bautizara) terán un bo fogar.

Esta persoa coidou os cans estes tres meses, dende que os recolleu en condicións "lamentables" e ata que xa non puido seguir facéndose cargo porque ten outros tres, polo que xunto con Huellas de Sarria iniciaron a busca dunha casa que evitase ter que levalos ao refuxio.

Comentarios