Dous alumnos do instituto Gregorio Fernández realizan prácticas nunha empresa en Alemaña

Os dous mozos traballan varios meses en Avamo, na localidade de Melle, a través do programa Erasmus+
G
photo_camera Os dous mozos, nas instalacións da empresa alemá. EP

Dous alumnos do instituto Gregorio Fernández de Sarria, Juan Antonio Díaz Fernández, do ciclo superior de Mecatrónica Industrial, e David López Rego, do ciclo medio de Mantemento Electromecánico, atópanse na localidade de Melle (Alemaña) realizando prácticas na empresa Avamo a través do programa Erasmus+.

Segundo informou o centro de ensino sarriao, no caso de Juan Antonio a estancia ten unha duración dun trimestre, mentres que David estará dous meses.

O obxectivo do programa Eramus+ é mellorar a educación superior ofrecendo novas oportunidades aos estudantes. O IES Gregorio Fernández posúe a carta Eche, outorgada pola Comisión Europea, que permite solicitar estadías no estranxeiro para os seus alumnos e que lle foi renovada para o período 2021-2027.

O pasado ano, outro estudante deste mesmo centro, Manuel Argiz, do ciclo superior de Mecatrónica Industrial, tamén realizou prácticas en Avamo, na sede de Melle, durante tres meses, dende o 1 de abril ata o 30 de xuño.

Comentarios