miércoles. 27.05.2020 |
El tiempo
miércoles. 27.05.2020
El tiempo

Do coche 'ovo' ao Amilcar

Vehículos na concentración de clásicos Vila de Sarria. VILA
Vehículos na concentración de clásicos Vila de Sarria. VILA

Máis de 120 vehículos participaron na primeira concentración de clásicos Vila de Sarria, que reuniu numeroso público. Os modelos, algúns de hai case un século, causaron expectación

A primeira concentración de vehículos clásicos Vila de Sarria achegou este domingo ata a localidade un século de historia do motor. Máis de 120 automóbiles participaron neste encontro, o cal reuniu a numeroso público, admirado ante xoias como un Iso Isetta, coñecido como o coche ovo, ou un Amilcar CGS fabricado nos anos 20.

Estes últimos foron dous dos modelos máis comentados, nun encontro ao que asistiron propietarios de vehículos de época de toda Galicia, León, Asturias, Barcelona "e incluso un gaditano", explica Jesús González, secretario da asociación Clá[email protected]s Sarria, organizadora do evento.

A cita, na que tomaron parte 250 persoas —sen contar os múltiples espectadores que se achegaron a ver estes modelos únicos— celebrouse na Praza da Vila e contiguos, onde estiveron expostos os coches, así como na sociedade La Unión, en cuxas instalacións se serviu a comida.

Os xardíns desta entidade acolleron tamén en exposición algúns dos vehículos máis singulares, como unha camioneta de madeira do ano 1922, ou o Amilcar, datado entre 1923 e 1926.

Alcumado como fotingo ou supositorio polas súas formas, este modelo converteuse nunha das estrelas da concentración. Segundo indica o seu propietario, Julio Francisco González, foi o seu avó quen o comprou no ano 1950 en Madrid para regalarllo ao seu pai nun intento de que deixase o fútbol que tantas lesións lle causaba. O seu proxenitor, que daquela tiña 14, non dubidou en elixir este modelo fabricado en Francia, fascinado polo deseño dun vehículo que se supón que competiu en carreiras".

"Meu pai circulou con el toda a vida ata que comprou un 600", apunta o veciño Julio Francisco González, Gua, quen o restaurou "desde cero" hai uns anos.

Xunto ao Amilcar, outro dos grandes protagonistas do encontro de coches clásicos foi o Iso Isetta do sarrián Eugenio Sanmartín. O seu propietario tiña só 16 anos cando quedou prendado da peculiar forma daquel utilitario, co cal se topou por esas casualidades da vida.

"Estabamos de matanza na miña casa e non chegaban as tripas", recorda Sanmartín, quen foi A buscar máis por encargo da súa nai á empresa de embutidos de Guillermo Kappler. Nada máis chegar quedou mirando "para un coche pequeniño que había alí". Vendo o interese do mozo, Kappler ofreceuse a venderllo, dándolle todas as facilidades. Pecharon o prezo en 11.000 pesetas, que debían ser abonadas nun prazo de tres anos.

Fillo dunha afamada pulpeira, o mozo Sanmartín e o seu irmán traballaron na feira de Pedrafita e, con eses ingresos, conseguiron pagar o Isetta "en sete meses".

Utilizouno durante dous anos pero ao final acabou relegado ata que hai un tempo o restaurou por completo. "Este é un ovo feito en España, que leva os faros pegados á carrocería. Non creo que hoxe haxa ningún en España coma el", afirma o seu propietario.

A concentración, na que participaron outros moitos modelos, contou tamén cun apartado dedicado a Citroën con motivo do centenario da marca.

Unha ruta pola comarca de Sarria 
Os participantes na primeira concentración de clásicos Vila de Sarria realizaron un percorrido turístico pola comarca. A ruta, de algo máis de 40 quilómetros de lonxitude, levounos polos concellos de Sarria, Samos e Láncara, pasando por lugares como a ermida dos Remedios, Loureiro, Castroncán, o mosteiro benedictino de Samos, Zoó, os murais de Monseiro, Seteventos ou Ferreiros. 

Recepción no Chanto 
Os asistentes reuníronse pola mañá no parque do Chanto para a verificación de documentación e a entrega de acreditacións. Desde alí iniciaron a ruta, que finalizou na Praza da Vila, onde os vehículos permaneceron expostos o resto da xornada. Neste lugar, esperábaos a música e o baile dos grupos de Meigas e Trasgos. 

Actuación musical 
Xa na sociedade La Unión, a sesión vermú e a sobremesa estivo amenizada por Taninos Maduros Jazz Band. Houbo tamén unha entrega de premios e un sorteo.
O club Clá[email protected] Sarria móstrase moi satisfeito con este encontro e proponse darlle continuidade e amplialo en 2020.

Do coche 'ovo' ao Amilcar
comentarios