Diego Pazos reabre ao tráfico coa velocidade limitada a 30 por hora

Os usuarios consideran que era "necesario" abrila, pero cuestionan o estado do firme

Vehículos circulando por la Rúa Diego Pazos de Sarria. PORTO
photo_camera Vehículos circulando pola Rúa Diego Pazos de Sarria. PORTO

A Rúa Diego Pazos de Sarria volveu este martes a abrir ao tráfico entre os cruces da Avenida e A Ciguñeira, onde a velocidade pasa a estar limitada a 30 quilómetros por hora. Esta apertura, que foi reclamada polos veciños e comerciantes, prodúcese logo de máis de sete meses pechada.

Os usuarios da vía consultados aseguraron que era "necesario" que puidesen circular os vehículos. "Polo menos hai un servizo", dixeron. "Estaban morrendo Diego Pazos e a Rúa Toleiro", sinalou un comerciante. Con todo, cuestionaron o estado do firme, que foi bacheado e que nalgún punto xa se levanta.

Os veciños temen que a situación na vía se prolongue no tempo. "É unha apertura provisional-definitiva, en dous ou tres anos non se acaba", opinou un residente da rúa. Outra sarriá indicou que Diego Pazos quedará así "polos séculos dos séculos".

Consultada outra veciña, cuestionou a apertura e a súa legalidade. "Para min que é ilegal abrir a rúa así, eu volvería cerrala polo seu estado", manifestou.

A rúa atopábase cortada desde finais do pasado mes de setembro, polas obras de remodelación da mesma. Estas paralizáronse por defectos nas beirarrúas, tras o que hai dúas semanas o Concello iniciou os traballos para poder reabrila de forma provisional. Foi bacheada a calzada, plantadas flores nas xardineiras, pintados os pasos de peóns e instalada a sinalización vertical.

A administración local está agora pendente de executar os traballos definitivos, para o que encargou o proxecto. Segundo a alcaldesa, Pilar López, esperan recibir o documento esta semana.

Ao mesmo tempo, o Concello realiza os trámites para rescindir o contrato á empresa que executou as obras de Diego Pazos. Notificoulle a liquidación, pero non recibiron resposta, dixo.

Comentarios