Dezasete locais participan do 3 ao 6 de decembro no concurso de tapas de Sarria

Algúns dos establecementos hostaleiros do Tapicheo, que se divide en cinco rutas, presentarán pratos especiais para os nenos
Participantes en una edición del Tapicheo anterior a la pandemia. AEP
photo_camera Participantes en una edición del Tapicheo anterior a la pandemia. AEP

Sarria recuperará do 3 ao 6 de decembro o concurso de tapas Tapicheo logo dun parón dun ano pola pandemia do covid. Na súa décimo cuarta edición, esta cita, organizada polo Concello, contará coa participación de 17 establecementos (oito menos que no 2019) e cada un ofrecerá unha proposta gastronómica.

Os locais dividiranse en cinco rutas: Cámping, Cristal e Adarve (azul), Contrapunto, El Parisien e D"Orixen (verde), Don Pepe, 8 Mm e Central (amarela), Xarope, Next, Santiago e Roberto (laranxa), e Alfonso IX, O Chanto, A Travesía dos Soños e Casino (vermella).

Desde o Concello destacan a boa acollida que tivo o certame e animan aos veciños e visitantes a gozar das tapas.

Os bares ofrecerán as súas propostas en horario de 20.00 a 23.00 e a un prezo comprendido entre 1 e 3 euros. Como na pasada edición, as bases do concurso contemplan a posibilidade que os locais elaboren unha tapa infantil, categoría que non entra en concurso e na que participan algúns dos establecementos.

Os xurados popular e profesional serán os encargados de elixir os mellores pratos. Para poder votar, os clientes terán que visitar polo menos dous dos bares de cada ruta, co que entrarán tamén nun sorteo de agasallos doados polos negocios. Aqueles que percorran todos os locais poderán optar, ademais, a unha viaxe.

Da votación dos clientes sairán seis tapas finalistas e, á semana seguinte do concurso, serán degustadas polo xurado profesional. Este seleccionará as tres gañadoras, as cales se espera que reciban os premios no transcurso da gala da hostalería da comarca.

Comentarios