Detido en Sarria por conducir sen carné un coche roubado en Palas de Rei

O arrestado é veciño de Asturias

A Garda Civil detivo na madrugada deste mércores na localidade de Sarria un veciño de Tineo (Asturias) de 56 anos de idade como presunto autor dos delitos de furto de uso de vehículo e conducir con perda de vixencia de permiso de conducir por carecer de puntos. 

Segundo informou o Instituto Armado, a persoa detida conducía por unha céntrica rúa da localidade de Sarria o vehículo subtraído o mesmo día na localidade lucense de Palas de Rei. 

As mesmas fontes indicaron que, unha vez identificado e detido, comprobaron que tiña unha perda da vixencia do permiso de conducir pola perda de puntos desde agosto de 2008 ata febreiro do 2009 e desde esa data non volveu a expedir o documento. 

A persoa detida foi posta a disposición do Xulgado de Instrución número 1 de Sarria.

Comentarios