A Deputación financia en dez núcleos de Samos a mellora de accesos e abastecementos

A administración provincial aporta 205.000 euros para as actuacións
photo_camera O presidente da Deputación e o alcalde de Samos, durante a firma do convenio. EP

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e o alcalde de Samos, Julio Gallego, asinaron un convenio de colaboración polo cal a administración provincial achega 205.000 euros para a mellora de accesos e abastecementos de agua en dez núcleos rurais deste concello.

Entre as obras que se acometerán con estes fondos figura a pavimentación dos lugares de Bustofrío, Lastres e Outonín, así como das vías que unen Veiga e Sivil, Lulle e San Román, e a que dá acceso a Gosende.

Tamén se executarán traballos de mantemento e mellora da traída municipal de auga en Vilaceite e Lamartín.

A Deputación financia non só as obras, senón tamén a redacción, dirección e o plan de seguridade e saúde.

Tanto Tomé como Gallego consideraron moi importantes estas actuacións. No caso dos viais explicaron que o firme presenta un desgaste polo paso do tempo e que a irregularidade na anchura das pistas imposibilita que os vehículos poidan circular con normalidade.