As denuncias de violencia de xénero soben en Sarria, con 20 o pasado ano

A xunta de seguridade constata unha baixada doutros delitos e deseña o dispositivo de San Xoán
undefined
photo_camera Representantes da Subdelegación, o Concello, as forzas de seguridade e os bombeiros, na xunta. PORTO

As denuncias de violencia de xénero subiron en Sarria nos últimos anos. Se en 2020 rexistráronse 16, en 2021 aumentaron ata as 20 e no que vai de 2022 xa son nove.

Os datos foron expostos este xoves na xunta local de seguridade, presidida pola subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o alcalde, Claudio Garrido, para preparar o dispositivo para as festas de San Xoán. A reunión contou, ademais, coa asistencia do consejal de seguridade, Félix Seijas, e responsables da Garda Civil, o Subsector de Tráfico, Policía Local, Policía Autonómica e o parque comarcal de bombeiros.

A xunta local presentou o balance de infraccións penais en Sarria, que sufriron un lixeiro descenso o pasado ano con respecto aos datos rexistrados antes da pandemia. En 2021 foron 343 fronte ás 354 de 2019, o que supón unha baixada dun 3,11%. Segundo expuxeron, debeuse á diminución dos delitos graves e menos graves, que pasaron de 167 a 151. Pola contra, aumentaron as infraccións leves, de 187 a 192. Ademais, a Subdelegación destacou o incremento da eficacia policial en tres puntos.

Este ano segue a tendencia á baixa, apuntou Seijas, quen espera que se manteña e destaca o traballo das forzas de seguridade.

O encontro serviu para preparar o operativo para as patronais de San Xoán de Sarria, que se celebrarán entre o vindeiro xoves e o día 27. Segundo explicou o edil, haberá un amplo dispositivo de Garda Civil, Subsector de Tráfico e Policía Local.

Este último corpo duplicará os efectivos na quenda de noite, cando actúan coñecidas orquestras e espérase máis público. Haberá un mínimo de catro axentes. Foi presentado, así mesmo, o dispositivo de tráfico. "Prevemos unhas festas con moita afluencia despois de dous anos sen elas", sinalou o concelleiro, quen pediu á xente "responsabilidade" e que siga as indicacións do persoal.

Camiño de Santiago. No encontro abordaron, doutra banda, o plan de seguridade da Garda Civil no Camiño de Santiago para este Ano Santo. A subdelegada destacou o reforzo nos medios de protección dos peregrinos, especialmente en lugares como Sarria, un punto no que moitos comezan a ruta.

Isabel Rodríguez tamén se referiu ao Plan Director para convivencia e mellora da seguridade escolar. No pasado curso académico, ante a pandemia de covid, só realizáronse dúas actividades, que foron telemáticas. No que está a piques de finalizar organizáronse nos centros escolares do municipio 25 charlas sobre temas como adicción aos videoxogos, riscos das novas tecnoloxías, o acoso escolar, violencia de xénero e bandas xuvenís.

Sarria aproveitou a xunta de seguridade para enviar a súa felicitación ao coronel Miguel Ángel González polo seu nomeamento como xeral de brigada da Garda Civil.

Comentarios