Denunciado por saltarse o confinamento e non identificarse en Sarria

A Garda Civil e a Policía Local intensifican os controis na localidade para evitar desprazamentos a segundas residencias

Un veciño foi denunciado na localidade de Sarria por incumprir o confinamento e non querer identificarse ante a Policía Local e a Garda Civil.

O home atopábase na rúa na tarde do mércores e, ao ser preguntado polos axentes, deu datos falsos en dúas ocasións. Ademais, non levaba ningún documento. Por iso, tivo que ser trasladado ao cuartel da Benemérita da vila para proceder á súa identificación.

Os axentes dos dous corpos intensificaron os controis na localidade nestas xornadas para evitar desprazamentos a segundas residencias coincidindo coa Semana Santa.

A Policía Local interpuxo nos dous últimos días máis dunha ducia de denuncias por non cumprir co confinamento, algunhas delas a reincidentes. Tratábase de veciños que se atopaban na rúa sen ningún motivo xustificado. Foi o caso, por exemplo, de dúas mulleres que estaban sentadas nun banco nunha zona verde.

Só na tarde do mércores impuxéronse cinco denuncias (incluída a persoa que non quixo identificarse), mentres que esa noite máis de media ducia.

Comentarios