Denunciado o despedimento de dous empregados da base de ambulancias de Sarria

A empresa alega motivos disciplinarios e o sindicato CIG considera que foi por "represalia" cara aos traballadores
Una ambulancia del 061. AEP
photo_camera Unha ambulancia do 061. AEP

A Confederación Intersindical Galega (CIG) denunciou este luns o despedimento de dous traballadores da base de ambulancias do 061 da localidade de Sarria. A empresa alegou motivos disciplinarios, asegurou a agrupación, que considera que realmente se produciron por "represalias".

Os cesamentos destes técnicos do 061 ocorreron hai un mes. Segundo un dos afectados, nun servizo sufriron unha picada nunha roda da ambulancia e non dispuñan de respuesto nin tampouco de kit de reparación, que "pedimos de palabra varias veces" á empresa. "A roda de respuesto quitárona porque hai unha denuncia da Policía ao estar os coches pasados de peso, pero se non hai roda debería haber un kit de reparación, que tampouco", explicou o traballador.

Ante o problema, dixo, alertaron ao 061 e acudiu outro vehículo sanitario, procedente do Corgo, a recoller ao paciente. Os traballadores abandonaron a ambulancia e foron a buscar outra para continuar co seu traballo, asegurou. A empresa considera que se trata dunha "falta moi grave" por abandono "de posto de traballo", polo que foron botados, sinalou o empregado, quen, xunto á súa compañeira, presentou unha demanda por despedimento improcedente. Este martes celebrarase un intento de conciliación coa firma en Lugo. Esta empresa declinou este luns facer declaracións sobre a polémica.

ELECCIÓNS SINDICAIS. A Confederación Intersindical Galega denunciou que os feitos imputados aos dous traballadores "non son certos" e afirmou que os despedimentos teñen a súa orixe na recente celebración de eleccións sindicais no centro de traballo de Sarria. Tamén afirmou que son unha "represalia" a este persoal por manter unha demanda xudicial por "incumprimentos" no convenio de ambulancias de Galicia.

A CIG mostrou o seu rexeitamento á actuación da empresa ao ser "un claro atentando" aos dereitos laborais e sindicais dos empregados. O colectivo solicitou a súa readmisión, tendo en conta, ademais, o inminente procedemento de subrogación do persoal do transporte sanitario urxente logo da concesión dos novos contratos da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia 061.

O sindicato cuestionou tamén este proceso e teme "novos incumprimentos" polas empresas entrantes sobre o actual convenio de ambulancias, entre as que se atopa a denunciada polos traballadores.

Comentarios