Declarado improcedente o despedimento dun profesor da escola de música de Sarria

Un xulgado condenou ao Concello a readmitir ao docente no seu posto de traballo ou a indemnizalo

O xulgado do Social número 3 de Lugo declarou improcedente o despedimento dun profesor da escola de música de Sarria e condenou ao Concello a readmitir ou indemnizar ao traballador, sentencia que foi confirmada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Con todo, este último reduciu a contía da compensación.

O docente tiña unha antigüidade do 2 de setembro de 2014 ao 30 de xuño de 2017, tempo no que traballou na escola a través de contratos temporais por obra ou servizos determinados. O Concello rescindiu a relación laboral o 30 de xuño de 2016, aínda que foi empregado de novo para o período do 20 de setembro de 2017 ao 30 de xuño de 2018 como profesor de música a tempo parcial, recolle a sentenza. Todos os contratos realizáronse previa selección con convocatoria pública.

O traballador presentou unha demanda contra o Concello e o xulgado do Social declarou improcedente o despedimento con efectos desde o 30 de xuño de 2017 e condenouno a readmitilo ou indemnizalo pola extinción do contrato laboral con 12.220 euros. No caso de que optase pola primeira opción, tamén instou á administración local a abonarlle ao demandante os salarios de tramitación por cada un dos días existentes entre o 30 de xuño de 2017 e a data de notificación da resolución do tribunal na contía de 35,55 euros diarios.

RECURSO. O Concello recorreu a sentenza ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Entre os motivos que alegou é estar desconforme coa indemnización fixada polo xulgado do Social, que consideraba "errónea", do mesmo xeito que a extensión con que se condenaba ao pago dos salarios de trámite ao non ter en conta os períodos de inactividade estival nin o feito de que o demandante foi contratado de novo para a escola en setembro de 2017.

O TSXG indica que existe un erro no cálculo da indemnización, polo que reduciu a súa contía. En canto aos salarios de trámite, tamén estima o argumento do Concello.

O tribunal confirmou o despedimento improcedente e condenouno a readmitilo ou indemnizalo, aínda que cunha compensación de 3.319 euros. Se se decanta por esta última opción debe abonarlle os salarios de tramitación a razón de 35,55 euros diarios desde o 20 de setembro de 2017 ata a notificación do fallo xudicial, con desconto do que percibise do Concello polo novo contrato desde esa data.

Antecedentes
Outros casos similares nos últimos anos


O caso do profesor da escola de música de Sarria non é o primeiro nos últimos anos polo que o Concello foi condenado por despedimento improcedente, polo que tivo que indemnizar ao traballador ou restituílo no seu posto.

Tamén se atoparon na mesma situación un auxiliar da Policía Local e o técnico que levaba a oficina de cooperativismo do Concello. O pasado ano foi condenado, ademais, polo despedimento dunha extrabajadora da residencia de maiores.