A décima Bienal de Arte mostrará unhas 150 obras de artistas de 17 países

A exposición estará aberta nas localidades de Sarria e Triacastela ata o 18 de agosto

Inauguración de la Bienal de Arte hace dos años en la antigua prisión de Sarria. AEP
photo_camera Inauguración da Bienal de Arte hai dous anos na antiga prisión de Sarria. AEP

Unhas 150 obras de artistas procedentes de 17 países poderanse ver durante preto dun mes nas localidades de Sarria e Triacastela na décima edición da Bienal de Arte, unha exposición posta en marcha en 2005 polo escultor José Díaz Fuentes.

España, Francia, Polonia, Italia, Bélxica, Suecia, Alemaña, Lituania, Tunisia, Marrocos, Exipto, Arabia Saudita, Omán, India, Chile, Estados Unidos e Canadá son os países de procedencia dos autores que participan nesta ocasión na mostra.

A exposición abrirá o vindeiro sábado, ás 12.00 horas, en Triacastela, mentres que na antiga prisión e o mosteiro da Magdalena de Sarria poderase ver desde o martes. Nesta localidade celebrarase un acto inaugural no primeiro dos inmobles, o cal terá lugar ás 20.00 horas. Tanto en Triacastela como en Sarria a Bienal permanecerá aberta ata o 18 de agosto.

Os visitantes poderán gozar de pinturas, debuxos, instalacións, esculturas e fotografías. Ademais, mostraranse numerosos gravados de artistas de India, explicou Florence Normier, quen é a presidenta da mostra. Pola súa banda, Mina Vrillet é a comisaria da mesma.

ENCONTROS. A Bienal de Arte non é só unha exposición, pois tamén se trata dun encontro de artistas, apuntou Florence Normier. Durante o salón levarán a cabo talleres, os cales permiten "compartir puntos de vista sobre a historia, especialmente da historia da arte, e puntos de vista diferentes segundo os países e a cultura dos artistas". "A arte é algo universal, vence a barreira do idioma e permite pasar por enriba dos prexuízos", fixo fincapé a directora do salón.

As obras que os autores realicen durante estes "obradoiros" poderanse ver nunha pequena exposición na casa da cultura.

Coincidindo coa inauguración da Bienal en Triacastela tamén se organizará o vindeiro sábado un taller de arte para nenos e mozos, o cal levará o nome de José Díaz Fuentes. Esta actividade será pola tarde e prográmase coinciendo coa primeira Festa do Peregrino da localidade.

Un autor recibirá o premio José Díaz Fuentes
Durante a inauguración da Bienal de Arte en Sarria farase entrega do segundo premio José Díaz Fontes a un "artista novo e innovador" que participe na mostra, sinalou Florence Normier. O galardón instaurouse en 2017, cando recaeu na pintora marroquí Mounia Boutaleb.

Con este premio quérese recordar o Fillo Predilecto do municipio José Díaz, quen puxo en marcha a Bienal de Arte en 2005. Ese ano o artista propuxo ao Salón de Outono de París a celebración dunha exposición similar en Sarria, sendo a primeira vez que o Salón d'Automne saía da capital francesa.

O escultor faleceu en 2010, aínda que o seu legado se mantén coa celebración da mostra, agora como Bienal de Arte. Así cada dous anos artistas de todo o mundo reúnense na localidade, seguindo o ronsel de Díaz Fuentes e a súa ilusión "de innovación e procura permanente", manifestou Normier.

Comentarios