Cultura restaurará o retablo barroco da igrexa de Bande e as súas imaxes

A actuación no templo lancarés custará 48.300 euros e afectará tamén á pintura mural do arco da cabeceira
undefined
photo_camera Detalle do retablo maior da igrexa e das tallas que o compoñen. VILA

A Consellería de Cultura restaurará o retablo barroco da igrexa de San Pedro de Bande, no municipio de Láncara, así como as imaxes que o forman e a pintura mural do arco da cabeceira do templo. Para iso, iniciou o proceso de licitación dos traballos, aos que destina un orzamento de 48.370 euros (iva incluído) e que terán un prazo de execución de catro meses.

A igrexa de San Pedro de Bande é un ben catalogado no PXOM de Láncara e no Plan Básico Autonómico e, no seu interior, destaca un retablo maior, de estilo barroco con columnas con motivos vexetais finalizadas con capiteis de estilo corintio.

No corpo principal sitúase a imaxe de San con vestiduras papais mentres que as hornacinas laterais acollen as tallas da Inmaculada e un anxo que colle da man a un neno. Na parte do ático atópase a Virxe co Neno e o símbolo do Espírito Santo, coroando o conxunto o Pai Eterno.

Segundo o estudo previo realizado pola Consellería de Cultura, o retablo presenta "manchas escuras, gretas e fisuras en táboas, esculturas e elementos decorativos, acumulación de po e restos biolóxicos, ataque biolóxico en forma de orificios provocado pola carcoma, restos de po de madeira orixinados pola actividade destes insectos, presenza xeneralizada de repinte que afecta a todo o conxunto, graves problemas estruturais e roturas nos fondos da hornacina".

Por iso, a restauración que se acometerá ten como fin realizar labore de desinsectación para eliminar ataques por parte de insectos xilófagos e previlos no futuro. Ademais, consolidaranse as zonas máis debilitadas, fixarase a policromía e farase unha limpeza físico-química da capa de protección escurecida polos procesos de oxidación, o que altera "considerablemente a valoración do cromatismo orixinal".

Tamén está previsto retirar elementos alleos ao retablo e restaurar as imaxes de San Pedro, a Inmaculada, o anxo, a Virxe co Neno e a pintura mural do arco da cabeceira da igrexa.

Para poder desenvolver estes traballos, o pasado verán a Consellería de Cultura asinou unha adenda ao convenio de colaboración coa Diocese de Lugo para pór a disposición os terreos e inmobles necesarios para a execución de obras de conservación e restauración en varios bens eclesiásticos,entre os cales se atopa este templo lancarés.

As empresas interesadas en presentarse ao concurso para realizar esta restauración teñen de prazo para presentar as súas propostas ata o próximo día 3 de abril. Ata a data xa houbo varios profesionais que acudiron a visitar a igrexa para formular despois as súas ofertas. A intención é que a obra se atope lista este ano.

Comentarios