Creatividade sen límites

O Taller de López de Sarria promove un 'happening' no que veciños improvisan unha obra artística no estudo

Varias personas, durante la elaboración de la obra en O Taller de López. PORTO
photo_camera Varias persoas, durante a elaboración da obra no Taller de López. PORTO

Collage, debuxo, pintura ou grafiti. Calquera técnica púidose utilizar para crear unha obra artística no estudio de fotografía e arte O Taller de López de Sarria, que promoveu este sábado un happening, no que participaron varios veciños que deron renda solta á súa creatividade para dar vida a unha parede do local. 

A obra en fronte da obra é a iniciativa posta en marcha polo fotógrafo Toño de López no seu estudo para "darlle posibilidade á xente que lle interesen os temas plásticos". "Que se animen, que non só se fan cousas fóra, aquí tamén se poden facer cousas, pequechas", explica sobre este happening, que permite tamén que "a xente de Sarria se coñeza a través da arte" e "abrir as portas do estudo" aos veciños. A iniciativa serviu tamén como reinauguración do local. 

O fotógrafo busca, ademais, "mover" a rúa na que se sitúa o estudo, a Rúa Matías López, nas inmediacións do cruzamento da Avenida. Para iso, conta, xa falou con veciños e están abertos a realizar actividades, aínda que dependerá da evolución da pandemia do covid. 

O traballo, con diversas técnicas, quedará na parede do local

Varios sarriáns tomaron parte no happening, que é unha manifestación artística que se caracteriza pola participación espontánea ou provocada do público. Todos os que se achegaron ao Taller de López animáronse a facer voar a súa imaxinación, improvisando unha obra artística. 

Dúas mozas explican que participaron animadas por un profesor do seu instituto, o Xograr Afonso Gómez, xa que lles gusta "o mundo da arte". Elas realizaron un collage dando forma a unha cámara de fotos antiga. Ao seu lado traballou un compañeiro de instituto, quen con cinta e pintura creou unha curiosa obra que se lle veu á mente "ao chegar aquí". 

Outra moza realizou "unha especie de representación da natureza" con follas secas e ramas, que tamén se lle ocorreu ao ver os materiais dispoñibles. "Foi sobre a marcha ao ver que a parede tiña unha forma como de folla", di. 

Cando a obra estea completamente acabada, daráselle un protector para que esta manifestación artística de sarriáns quede para sempre na parede do estudo O Taller de López.

Comentarios