Crean en Sarria o colectivo feminista Mulleres de Raíz

O primeiro acto será unha concentración o domingo na Praza da Vila

2018112118423943465
photo_camera 2018112118423943400

SARRIA. Un grupo de veciñas creou en Sarria o colectivo feminista Mulleres de Raíz, entidade que levará a cabo o vindeiro domingo o seu primeiro acto con motivo da celebración do Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

A agrupación nace co obxectivo de combater calquera tipo de violencia sexista e para reclamar medidas efectivas e concretas cara á eliminación desta, xa sexa a nivel local ou internacional. Tamén busca «conquistar espazos» e introducir en Sarria o pensamento crítico e as novas formas de narrar, as feministas.

Mulleres de Raíz convoca para as doce da mañá do domingo unha concentración, a cal terá lugar na Praza da Vila de Sarria. A colectivo chama á cidadanía a participar no acto, que levará por lema "En negro e con asubíos!".

Con esta concentración, pretende dar visibilidade «á repulsa cara ás violencias que o xénero feminino sofre desde que nace». Ademais, procura «amplificar a sonoridade ás reclamacións e ás demandas de medidas efectivas e concretas de face á súa eliminación», sinalou Mulleres de Raíz na convocatoria do acto.

O colectivo instou os sarriáns a participar nesta concentración co fin de mostrar a repulsa «ante os feminicidios e as agresións sexuais, ante a prostitución e os ventres de alugueiro, ante a discriminación laboral e xudicial, ante a linguaxe sexista (co seu humor e a súa publicidade), a violencia estética e os micromachismos culturais», manifestou.

Comentarios