Cova Eirós tamén se estuda nas aulas

O arqueólogo Arturo de Lombera falou do xacemento da Cova Eirós no colexio de Triacastela, que prepara un museo sobre o patrimonio local
El arqueólogo Arturo de Lombera habla sobre Cova Eirós en el colegio de Triacastela
photo_camera O arqueólogo, durante a xornada didáctica que ofreceu no colexio Eduardo Cela Vila. EP

Coñecer o patrimonio propio é un paso fundamental para poder aprecialo e preservalo. Sábeno ben os 20 nenos e nenas do colexio de Triacastela que, desde o inicio do curso, realizan un traballo sobre a riqueza natural, arquitectónica, arqueolóxica, histórica, cultural e lingüística que garda este concello, co obxectivo de crear un museo sobre o patrimonio local que pronto verá a luz.

No marco deste proxecto recibiron hai uns días a visita do arqueólogo Arturo de Lombera, codirector das escavacións que cada ano se organizan na Cova Eirós, a xoia prehistórica de Triacastela.

Unha maqueta feita no colexio poderase ver no futuro museo

Este importante xacemento non é descoñecido para o alumnado do colexio Eduardo Cela, que leva meses indagando nel coa axuda dos seus profesores e que mesmo elaborou unha maqueta sobre a cova que se poderá ver no futuro museo. Pero a súa fascinación foi a máis ao poder coñecer todos os segredos que agocha da man dun experto como De Lombera.

O arqueólogo preparou unha exposición didáctica, seguida dun obradoiro, que lles permitiu "facerse unha idea de como era o concello onde viven na época dos Neandertais, hai 40.000 ou 50.000 anos", explica.

Así, faloulles da paisaxe daquel tempo, das glaciacións, das ferramentas que empregaban, de como se vestían ou do tipo de animais que cazaban. Amosoulles fotos de mamuts e de rinocerontes lanudos, tallou a punta dunha lanza e levoulles réplicas de útiles e restos óseos, ademais de invitalos a participar nun taller inspirado nas pinturas paleolíticas da cova.

"Estiveron mo interesados e moi atentos durante case dúas horas", comenta o arqueólogo, que confirma que no verán haberá unha nova campaña de prospeccións no xacemento coa colaboración da Consellería de Cultura.

Arturo de Lombera destaca tamén o labor do profesorado do Ceip Eduardo Cela e a importancia deste tipo de actividades porque "o que coñeces é o que despois protexes e valoras", afirma.

O director do colexio, Alejandro González, comparte esta opinión, que guía a súa maneira de entender a educación. "Para min é esencial valorar onde naces, onde estudas e onde vives, porque se ti valoras o monte Oribio, a Cova Eirós... vas desenvolver un cariño e un arraigo que nalgún momento te vai levar a traballar ou vivir nesa zona, revertindo o abandono rural", subliña. No fondo, trátase de "cambiar a noción de que o rural non ten oportunidades, porque no rural é onde nacen as aportunidades", di o mestre.

Para dar a coñecer todo ese patrimonio, os nenos e nenas de Triacastela abrirán en xuño un museo nunha aula do colexio, que poderán visitar veciños, peregrinos e calquera outra persoa interesada. Co material creado e recompilado por eles mesmos durante o curso, difundirán elementos do patrimonio do concello como Cova Eirós, pero tamén o castiñeiro de Ramil, a Ferrería da Ponte, a alvariza do Oribio, a capela de San Mamede ou as lendas e tradicións locais, orgullosos do seu.

Comentarios