Confirmados xa 17 grupos para actuar en marzo no quinto festival Esmorga Fest

Sete novas formacións súmanse á programación do evento, que será o 15 e o 16

El grupo Lagartija Nick. EP
photo_camera O grupo Lagartija Nick. EP

A quinta edición do festival Esmorga Fest, que se celebrará na localidade de Sarria os próximos días 15 e 16 de marzo, confirmou xa a actuación de 17 grupos ao acabar de sumarse sete novas formacións.

Dûrga, El Lado Oscuro de la Broca, Juanita Dinamita, Ladrillo y Mujer, Amor Germanio, Seda y Voltaica son as bandas que se uniron agora ao cartel do evento, no que xa se anunciaron os concertos de Ànteros, Sierra, Bestia Bebé, Tuya, Apartamento Acapulco, Za! e Perro. O festival terá como cabeza de cartel a Carolina Durante, Lagartija Nick e Toundra.

As instalacións da sociedade recreativa La Unión e a sala Litmar serán os escenarios deste evento de música indie e underground. As entradas para o Esmorga Fest atópanse á venda na páxina web do festival, así como nos pubs Xarope e Adarve de Sarria. Nestes locais tamén se poden adquirir camisetas e bolsas conmemorativas desta quinta edición do festival.

O evento conta co patrocinio do Concello de Sarria, Estrella Galicia, Jägermeister e Gadis, así como coa colaboración de empresas da localidade.

Para a presentación do Esmorga Fest o establecemento O Mercado Street Food de Lugo acollerá o próximo 23 de febreiro un guateque, que será de entrada gratuíta. Terá lugar desde as catro e media da tarde e contará coas actuacións dos grupos Berta Franklin e Thee Blind Crows.

Desta forma presentarase o festival sarrián, que tivo a súa orixe nun aniversario e acabou transformándose no Esmorga Fest. Naceu con motivo do aniversario duns amigos, no que decidiron levar a cabo unha festa que se acabou prolongando durante dous días e contou coa actuación de varias bandas e picadiscos. Isto provocou que ao ano seguinte, en 2015, xurdise a primeira edición do Esmorga Fest, o cal abre o calendario de festivais na comarca sarriá. A este súmanse Espantada Rock, Terra Brava, Garitosis, Interxeracións ou San Martiño Caníbal.

Comentarios