Condenan á residencia de Sarria por vulnerar o dereito a conciliación dunha empregada

Terá que pagarlle 2.500 euros en concepto de indemnización
Residencia de Sarria. AEP
photo_camera Residencia de Sarria. AEP

O xulgado do social número 2 de Lugo condenou Residencia Nosa Señora do Carme, de Sarria, por "vulnerar o dereito de conciliación dunha traballadora", segundo informa a CIG, á que lle terá que abonar 2.500 euros en concepto de indemnización polos prexuízos ocasionados.

Segundo informa o sindicato, "no mes de xaneiro a residencia de Sarria, mediante unha comunicación asinada polo seu presidente e membro do goberno municipal, Benjamín Escontrela", informou a esta traballadora unha modificación do seu horario laboral, cando levaba desde o ano 2013 cunha redución de xornada pactada coa propia institución.

"Tal e como reflicte a propia sentenza, a modificación do horario realizada de forma unilateral pola Residencia", engade, "carecía de xustificación", cando o horario que viña realizando a traballadora afectada si estaba "suficientemente xustificado". De feito, esa decisión obrigou á traballadora a recorrer "a unha excedencia para poder conciliar a súa vida laboral e familiar".

A CIG cualifica como “verdadeiramente lamentable que un organismo público, que depende dunha institución, como é o Concello de Sarria, recorra a prácticas laborais que vulneran os dereitos fundamentais, actuando de forma absolutamente arbitraria e a capricho, neste caso, dun edil”.