Conclúe o cribado en Sarria sen detectarse ningún novo positivo por covid

Un total de 32 usuarios da residencia de maiores Nosa Señora do Carme da localidade reciben o alta ao superar o coronavirus

antígenos2
photo_camera Un home é sometido á proba. VILA

O cribado entre a poboación de Sarria mediante test de antígenos iniciado o pasado venres no centro de saúde da vila finalizou onte sen que se detectase ningún novo positivo encovid-19. En total, foron citadas 1.500 persoas con idades comprendidas entre os 30 e 60 anos, das cales acudiron aproximadamente entre o 65% e o 70%.

Os equipos sanitarios realizaron unhas 150 probas ao día, en horario de tarde e fin de semana, consistentes en test de antígenos con mostra nasofaríngea cuxo resultado se deu a coñecer 15 minutos logo da súa realización.

O Sergas programou este cribado ante o importante aumento de casos de covid-19 rexistrado no municipio en días pasados, que fixo saltar as alarmas.

Entre eles, atópase o brote na residencia de maiores Nosa Señora do Carme, que o venres recibiu a boa noticia das primeiras altas de contaxiados. Desde a Xunta comunicaron a retirada do cómputo de positivos de 25 usuarios que xa superaron a enfermidade, unha cifra que o Concello, responsable deste xeriátrico, elevou a 32.

Segundo os datos do centro, quedan agora 40 maiores afectados por covid, dos cales seis estaban o venres hospitalizados e o resto, illados na terceira planta da residencia. Pola súa banda, os negativos recuperaron a súa "vida normal" dentro do xeriátrico, que perdeu a catro dos seus usuarios por covid-19 desde o inicio do brote.

No reconto diario do Sergas, onte eran seis os traballadores de Nosa Señora do Carme que continuaban contaxiados de coronavirus. A esta listaxe se anadió durante esa mesma xornada o dun empregado do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) da vila, onde se rexistran tres casos positivos entre o seu persoal.

Polo que respecta ao resto de centros asistenciais da comarca sarriá, permanecen con covid dous maiores da residencia do Incio, onde houbo un brote grande o pasado verán.

Comentarios