Oito concertos animan no verán lugares de Sarria polos que discorre o Camiño

A iniciativa, organizada polo Concello por segundo ano, comezou en Pintín e finalizará o día 25 de agosto no núcleo de Morgade

photo_camera A primeira actuación tivo lugar o pasado domingo en Pintín a cargo do grupo Sr. Jingles. MUSICSOFT

O Concello de Sarria puxo en marcha por segundo ano consecutivo a iniciativa O vermú do Camiño, que permitirá ofrecer durante este verán un total de oito concertos noutros tantos puntos do municipio polos que discorre a ruta xacobea.

Esta idea, que conta cunha axuda da Mancomunidade do Camiño Francés, arrincou o domingo en Pintín, onde actuou o grupo de rock indie do Barco Sr. Jingles, cuxos temas son no seu maior parte composicións propias.

Os concertos celébranse de 13.00 a 15.00, aínda que desde o Concello valoran a posibilidade de cambiar algún deles para un horario de tarde-noite, explica a concelleira Reyes Abella, quen destaca a contribución desta iniciativa a dinamizar o Camiño.

O estilo musical será no seu maior parte versións de pop e rock nacional e internacional, buscando a "conexión" co público dun Camiño "cosmopolita"

Durante as actuacións, veciños e peregrinos poderán saborear a un prezo económico o vermú galego Petroni, servido por un distribuidor local coa colaboración de hostaleiros de cada zona.

O estilo musical será no seu maior parte versións de pop e rock nacional e internacional, buscando a "conexión" co público dun Camiño "cosmopolita", apuntan desde Musicsoft, que intentou dar protagonismo a formacións sarriás. Así, a próxima actuación será a de Acapulco 94, banda local que ofrecerá o 14 en Aguiada un tributo a Heroes del Silencio.

Os concertos continuarán o 21 no Dique con The Sibaritas de A Coruña e o día 28 na Escalinata con Malditos Roedores, formado por catro sarriás. Xa en agosto tocarán o 4 en Santa Mariña os coruñeses Los Mecánicos, o 11 xunto ao consistorio Influenza (antigo RAS de Sarria) e o 18 en Barbadelo os tamén sarriáns Flying Boogaloos. O vermú do Camiño despedirase en Morgade o día 25 con Andrés Montes.

Comentarios