lunes. 19.08.2019 |
El tiempo
lunes. 19.08.2019
El tiempo

O Concello de Sarria terá que pagar 20.000 euros por unha caída en Diego Pazos

A muller tropezou na beirarrúa e golpeouse contra o cristal da marquesiña, que estalou. AEP
A muller tropezou na beirarrúa e golpeouse contra o cristal da marquesiña, que estalou. AEP

Unha veciña resultou ferida por culpa dunha focha de importante tamaño na beirarrúa

O Concello de Sarria terá que pagar 20.000 euros a unha veciña que resultou ferida o ano 2016 ao caer na rúa Diego Pazos por causa dunha focha de importante tamaño existente na beirarrúa, á altura da parada de taxis, cuxa marquesiña rompeu ao golpearse contra ela a vítima.

O xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo condenou ao Concello a indemnizar á muller, de 67 anos de idade, polas lesións sufridas polo "lamentable" estado da beirarrúa, ademais de imporlle as costas do xuízo cunha contía máxima de 450 euros.

Aos 20.000 euros en concepto de responsabilidade patrimonial haberá que sumar os intereses legais contados desde a presentación da demanda ata a emisión da sentenza. De todas estas cantidades responderá a aseguradora do Concello.

Os feitos ocorreron na tarde do 12 de setembro de 2016 cando a veciña transitaba pola rúa Diego Pazos e, ao chegar á zona onde estaba naquel momento a parada de taxis, sufriu unha caída debido á existencia dunha focha na metade da beirarrúa, "dunha anchura e profundidade considerables".

"Metéuselle o pé na fochanca, perdeu o equilibrio e foise contra a marquesiña, estalándoa"

O mal estado da vía fíxoa tropezar e perder o equilibrio, golpeándose contra o biombo da marquesiña da parada, cuxo cristal estalou co impacto.

OPERACIÓN. A viandante sufriu contusións no ombreiro dereito, o xeonllo dereito e o nocello esquerdo, polas cales precisou asistencia no Hula e o servizo de traumatología do Polusa. O día 18 de xullo de 2017 tivo que ser sometida a unha intervención quirúgica polas feridas no ombreiro e, finalmente, tardou en curar das súas lesións 415 días.

A muller presentou unha reclamación de responsabilidade civil no Concello o día 12 de setembro de 2017, a cal foi desestimada por silencio administrativo. Por iso, acudiu ao xulgado do Contencioso-Administrativo, que acaba de fallar ao seu favor estimando a súa demanda case na súa totalidade.

Así, en concepto de responsabilidade solicitaba a suma de 22.214 euros, dos cales o xulgado entende que a administración local debe responder nun 90%, polo que a condena a abonar 19.992 euros. O 10% restante sería por conta do peón no deber de pór a atención requirida ao circular por vías públicas.

En todo caso, o xulgado ve probado que existe unha relación directa entre o mal estado da beirarrúa e a caída que sufriu a muller. Este extremo foi corroborado tamén polas testemuñas que declararon durante o xuízo celebrado en Lugo.

Un taxista viu como esta veciña "ía andando, meteu o pé no hoyo, que tería entre uns 30 ou 40 centímetros de diámetro, tropezou e marchou contra a marquesiña dos taxis, rompendo o cristal". Tamén declarou unha muller que camiñaba xusto detrás da vítima e que observou que se lle meteu o pé na fochanca, perdeu o equilibrio e foise contra a marquesiña, estalándoa".

O Concello de Sarria terá que pagar 20.000 euros por unha caída en...
Comentarios