O Concello de Sarria tamén porá cámaras na Praza da Vila polo vandalismo

O espazo, que se atopa en obras, sufriu danos durante o pasado fin de semana

Tramo de valla arrancado en la Praza da Vila de Sarria. PORTO
photo_camera Tramo de valo arrincado. PORTO

O Concello sarrián prevé instalar cámaras de videovigilancia na Praza da Vila polos actos vandálicos. Os últimos producíronse durante o pasado fin de semana.

O espazo está a ser reformado polos alumnos do obradoiro de emprego, quen na mañá deste luns detectaron os danos. Segundo explicou o concelleiro de obras, Diego López, atopáronse con que fora arrincado un tramo do valo do parque infantil, a cal foi arranxada e pintada recentemente por estes traballadores.

Tamén apareceron rotas as redes das canastras que acaban de ser colocadas. "Xa instalamos as redes metálicas para evitar os actos vandálicos. Hai menos de 15 días que as puxemos e xa aparecen rotas", denunciou o concelleiro.

A estes danos hai que engadir que tiraron restos de ladrillos contra as bancadas, as cales foron recentemente seladas para impermeabilizalas. Por iso, nalgúns puntos terá que ser retirado o produto e volver aplicalo, sinalou.

A zona na que se produciron os danos atópase pechada cun valo de obra, polo que os vándalos tiveron que saltar. Persoal do taller de emprego comentou que viu durante o fin de semana a mozas na zona e que lles chamaron a atención, aínda que fixeron caso omiso, indicou o edil.

CABLEADO. Ante os danos, o goberno optará por instalar cámaras como "medida disuasoria". No espazo renovarase o sistema eléctrico e colocarán novos farois, polo que se aproveitarán os traballos para instalar o cableado para, unha vez que se realicen todos os trámites precisos, dotar do sistema de videovixilancia. A adxudicataria das obras visitará o lugar para ver a mellor forma de instalar o cableado para as cámaras, explicou Diego López.

Este lamentou que a Praza dá Vila xa sufra ataques vandálicos cando aínda se atopa en obras. "Esnaquizan gratuítamente. Non nos queda outro remedio que instalar cámaras", apuntou. Non é a primeira vez que é vítima dos vándalos, pois hai un tempo romperon, por exemplo, uns focos ornamentais. Estes incluso contaban con protección "antivandálica", sinalou o edil. Precisamente estas luminarias serán repostas durante as obras de mellora da praza.

Os danos causados neste espazo durante o pasado fin de semana non son os únicos que sufriron bens municipais nos últimos meses, pois o pasado novembro realizaron pintadas en bancos da Rúa Castelao que estaban recentemente colocados. O mobiliario xa foi arranxado.

Os vándalos, ademais, romperon cristais no edificio da piscina cuberta, entre outros danos. Por iso o goberno local xa anunciou en marzo que instalará cámaras de seguridade na zona deportiva do Chanto.

Comentarios