O Concello selará os colectores soterrados por ter deficiencias

O goberno, que atribúe os fallos á falta de mantemento e de bomba de achique, substituiraos por outros de carga lateral
Contenedores subterráneos de la Rúa Toleiro, junto a otros colocados de forma provisional. DMP
photo_camera Colectores subterráneos da Rúa Toleiro, xunto a outros colocados de forma provisional. DMP

O Concello de Sarria selará cunha chapa os colectores de lixo soterrados existentes na vila para evitar o seu uso e cambiará os de plástico que se instalaron de xeito provisional por outros de carga lateral e de menores dimensións. As actuacións acometeranse durante as próximas dúas semanas.

Os colectores soterrados -situados na a Rúa Toleiro e na Gran Vía- non funcionan e, por iso, colocáronse outros de plástico de maior envergadura para cubrir as necesidades de xeito provisional. O concelleiro de sustentabilidade ambiental e servizos municipais, Pedro López Quiroga, indica que estes recipientes baixo terra "levan estragados moito tempo", engadindo que ata o momento non foi posible arranxalos. Segundo informa o edil, a razón do estado actual é que non se realizaron labores de mantemento nos mesmos, ademais de que os depósitos de lixo non dispoñen de bomba "de achique", provocando que non baleiren a auga, en caso dos días de choiva.

Con todo, Pedro López afirma que os colectores soterrados non se retirarán das localizacións actuais, senón que se selarán cunha chapa para evitar que sexan utilizados. "Isto farase por se máis adiante se puidesen arranxar", di o concelleiro.

PRAZOS. Os novos recipientes que os substituirán terán unha altura menor que os actuais de plástico. Ademais, serán de carga lateral e disporán dun "acceso fácil para a carga e descarga", apunta o edil sarrián.

López indica tamén que a renovación destes depósitos acometerase nos "próximos quince días". Polo momento, afirma que o Concello está en contacto cunha empresa de mantemento e outra de colectores ultimando os detalles.

Comentarios