O Concello sarrián licita obras de rexeneración de pistas por 150.000 euros

A actuación, financiada co plan único da Deputación deste ano, afectará a 8,5 quilómetros repartidos entre oito vías municipais­
Baches en Lousadela. AEP
photo_camera Fochancas en Lousadela.

O Concello sarrián sacou a licitación a rexeneración de oito pistas de titularidade municipal, traballos que contan cun orzamento de 150.000 euros procedentes do plan único da Deputación de Lugo deste ano.

As obras afectarán os accesos a Ortoá, Vilerma, Lousadela, Quintela, Mundín e Guitián, así como aos camiños de Ortoá a Currial e de Tribui a San Mamede, cuxo mal estado xa xerou nalgúns casos protestas veciñais.

Son todas elas vías de titularidade do Concello que se atopan moi deterioradas nas súas capas de rodaxe, con fochancas e gretas xeneralizadas, o que fai necesaria a súa renovación.

Segundo o proxecto elaborado polo técnico municipal, a intervención afectará en total a uns 8,5 quilómetros. O acceso a Ortoá é o de maior lonxitude (3.200 metros) e levará un terzo do investimento (preto de 50.000 euros, sen contar o iva e a parte correspondente á seguridade da obra).

Na vía desde Ortoá a Currial actuarase sobre 1.600 metros, cun orzamento de 21.000 euros; e no acceso a Guitián investiranse 17.000 euros para reparar un tramo de 1.100 metros. Tamén está previsto rexenerar ao longo dun quilómetro a entrada a Mundín cunha partida de 13.000 euros. No resto dos casos, a superficie oscila entre os 300 e os 550 metros, de modo que o investimento será menor.

Os traballos consistirán na limpeza do pavimento existente por medios mecánicos de cepillo, utilizando os manuais nos puntos máis inaccesibles. Posteriormente farase un bacheo nas partes nas que a capa de rodaxe xa está moi deteriorada ou incluso é inexistente, para continuar cun dobre tratamento de emulsión asfáltica e grava miúda, limpeza e terminación.

As obras incluídas neste proxecto teñen un prazo de execución de dous meses e esíxese unha garantía mínima dun ano. As empresas interesadas en presentarse a este procedemento poden facelo ata o día 26 deste mes.

parcelas agrícolas. O Concello de Sarria tamén adxudicou recentemente na suma de 60.500 euros uns traballos de mellora de camiños municipais que dan acceso a parcelas agrícolas. Neste caso afectan a viarios nas parroquias de Lousadela (no núcleo de Tosal), Santa María de Vilar (Padriñán), San Mamede da Chanca (A Chanca) e Cesar (Pape), cuxo acondicionamento se financia no seu maior parte con fondos achegados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) mentres que o Concello sufraga a cantidade restante.

A este concurso presentáronse catorce empresas, entre as cales resultou adxudicataria Ecoasfalt, a cal ofertou un prazo para a execución das obras de 20 días.

Comentarios