O Concello de Sarria dedica un tope de 300.000 euros á adquisición da Feculera

Saca a concurso a compra dunha nave, con requisitos difíciles de cumprir por outras construcións. Admite ofertas ata o día 17
Las instalaciones de la antigua Feculera, ubicada en el barrio de A Estación de Sarria. EP
photo_camera Instalacións da antiga Feculera de Sarria.

O Concello de Sarria dedicará un máximo de 300.000 euros á adquisición da antiga Feculera. Nesta contía acaba de sacar a licitación a compra dunha nave para destinala a usos e actividades sociais e culturais, concurso ao que poden optar máis construcións que a Feculera, aínda que parece difícil que haxa outras que cumpran as condicións dos pregos.

O prazo para presentación de ofertas está aberto ata o día 17, segundo o perfil do contratante do Concello. Neste establécense os requisitos da instalación, que debe ter unha superficie mínima construída de 4.070 metros cadrados e útil de 3.700. Debe contar tamén cunha zona libre exterior para aparcadoiro de polo menos 100 metros cadrados.

A construción disporá de dúas plantas. As bases indican que un espazo, dun mínimo de 1.300 metros cadrados e unha altura de 3,30, estará dedicado a gardar vehículos e maquinaria, así como a almacén de materiais. A nave tamén ten que contar unha sala diáfana de polo menos 1.400 metros cadrados para a celebración de eventos do Concello ou asociacións. Haberá outra sala, dun mínimo de 300 metros, para destinala nun futuro a un auditorio.

Outras catro salas serán dedicadas a talleres culturais ou lugares de actuacións e ensaios. Estas dependencias deben dispor dunha superficie útil total mínima de 400 metros. Para rematar, as bases establecen que as instalacións contarán con espazos en todas as plantas para aseos, corredores, distribuidores, locais administrativos ou vestiarios.

Entre as condicións están que a edificación se sitúe en chan urbano e "preferentemente" en zonas "máis periféricas" da vila, de forma que no futuro poida ser "un elemento dinamizador que favoreza o desenvolvemento urbanístico, social e económico" destes lugares. Nos pregos faise referencia catro zonas preferentes para situarse a nave.

A compra das instalacións realizarase con cargo ao diñeiro obtido da venda do piso de Madrid que José Sánchez Arias deixou en herdanza ao Concello.

Comentarios