O Concello de Sarria renova un centenar de colectores

Trátase duns 90 depósitos amarelos e outros once de cartón, que foron instalados grazas a unha axuda da Xunta de Galicia
Nuevos contenedores de la Rúa Maior de Sarria. PORTO
photo_camera Novos colectores na Rúa Maior de Sarria. PORTO

O Concello de Sarria renova un centenar de colectores, actuación financiada cunha subvención da Xunta a través de Ecoembes. Cambiaranse uns 90 depósitos amarelos e once de cartón e papel. Os primeiros xa foron entregados e estanse instalando, mentres que os segundos están pendentes de recibirse, explicou o concelleiro de sustentabilidade ambiental e servizos municipais, Pedro López Quiroga.

Aqueles colectores amarelos que se retiran e se atopan en bo estado volverán ser colocados unha vez se laven. Tamén se instalaron uns novos depósitos na intersección da rúa Calexa e a Rúa Maior. Neste punto había uns colectores soterrados, aínda que presentaban problemas e a empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo, Cespa, recomendou ao Concello a colocación doutros en superficie.

A propia Cespa instalou cinco depósitos nesta zona e fíxoo en base a un acordo coa empresa fabricante dos mesmos, Formato Verde. Por iso, non tiveron ningún custo para a administración local, sinalou o edil.

A localidade dispón de colectores soterrados noutros puntos, como no paseo do Malecón, que tamén presentan problemas e sofren filtracións de auga, polo que a estrutura se atopa en mal estado. Por iso, desde o Concello barallan que cando se elaboren os pregos para sacar a licitación o servizo de recollida de lixo se inclúa o mantemento e reparación destes.

Comentarios