miércoles. 08.07.2020 |
El tiempo
miércoles. 08.07.2020
El tiempo

O Concello de Sarria leva a pleno o pago de 100.000 euros por varias sentenzas

Terá que abonar 30.000 euros á SGAE, 36.000 á empresa que fixo a piscina e 29.000 ao dono dunha nave

O Concello de Sarria levará ao pleno ordinario que se celebrará este xoves máis de 100.000 euros en modificacións de crédito para dar cumprimento a varias sentenzas xudiciais. As maiores contías a abonar son á Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) (30.000 euros) e á empresa que construíu a piscina cuberta (36.000).

A corporación municipal abordará na sesión, que será ás 19.30 horas, un suplemento de crédito e un crédito extraordinario por 58.000 e 60.000 euros, respectivamente. Estas contías fináncianse con cargo a unha partida das contas de amortización de débeda, explicou o tenente de alcalde, Efrén Castro.

A administración local ten que pagar 36.700 euros por revisión de prezos á empresa que executou a piscina. O asunto acabou nos tribunais ao debaterse que organismo debía abonar esta contía, a Deputación ou o Concello, sendo este último finalmente condenado.

A firma reclamou a revisión de prezos porque, segundo dixo no seu momento, o proxecto inicial tiña unha duración non superior a un ano, pero as obras víronse retardadas e incluso paralizadas ao ter que elaborar un modificado pola aparición de incidencias, como filtracións de auga.

Con cargo a estas modificacións de crédito o Concello terá que abonar outros 30.000 euros á SGAE polos dereitos de autor das festas de San Xoán de anteriores mandatos en virtude de dúas sentenzas xudiciais, indicou. O Concello foi condenado a abonalos de forma subsidiaria polas patronais, que eran organizadas por asociacións.

A polémica entre a Sociedade Xeral de Autores e Editores e os colectivos que promoveron as festas comezou hai preto dunha década e motivou varios actos de conciliación nos xulgados.

ALUGUER DUNHA NAVE. Nestas modificacións de crédito resérvanse outros 29.000 euros para a execución provisional doutra sentenza. O xulgado de Sarria condenou ao Concello a abonar ao propietario dunha nave da Rúa Formigueiros o importe das rendas de aluguer debidas durante dous anos.

O dono dirixiuse ao tribunal o pasado novembro para solicitar a execución provisional do fallo, petición que foi aceptada.

Doutra banda, nas modificacións de crédito prevense ao redor de 21.000 euros para o pago de intereses de demora a traballadores e por devanditas sentenzas xudiciais.

O Concello de Sarria leva a pleno o pago de 100.000 euros por...
comentarios