Viernes. 16.11.2018 |
El tiempo
Viernes. 16.11.2018
El tiempo

Sarria terá que pagar ao dono dunha nave o aluguer de dous anos

Nave da Rúa Formigueiros que foi alugada, polo Concello. AEP
Nave da Rúa Formigueiros que foi alugada, polo Concello. AEP

O xulgado condena ao Concello ao entender que o contrato prorrogouse de forma tácita por non desocupa o lugar

SARRIA. O xulgado de Sarria estimou a demanda presentada polo dono dunha nave da Rúa Formigueiros contra o Concello, administración esta a a que condena a abonar ao propietario o importe das rendas de aluguer debidas durante dous anos.

A sentenza entende que o contrato entre as dúas partes quedou prorrogado de forma tácita porque o Concello non chegou a desocupar a nave, de modo que terá que pagar as mensualidades desde agosto de 2016 ata xullo de 2018, data do fallo xudicial.

A maiores, precisa que o contrato segue en vigor ata o próximo mes de novembro, o que deixa a porta aberta a que o dono reclame tamén ata esa data en caso de non percibir as rendas.

A nave en cuestión foi alugada polo Concello na suma de 1.379 euros ao mes, de modo que a cantidade acumulada en todo este tempo resulta cuantiosa.

As instalacións da Rúa Formigueiros foron alugadas polo Concello o 9 de xuño de 2014 para servir como almacenamento de material e vehículos. Segundo declarou no xuízo o exalcalde José Antonio García, o contrato comprendía tamén o uso dun terreo xunto á nave.

O 20 de agosto de 2015, o Concello adiantoulle ao dono a súa intención de desistir do contrato tres meses máis tarde. No entanto, continuou ocupando a nave máis aló desa data, polo cal o contrato se considera prorrogado por un ano por tácita reconducción. O Concello pagou as mensualidades ata agosto de 2016 e, nesa data, tratou de entregar as chaves ao dono, negándose a recibilas ao descoñecer o estado en que se atopaba a nave e os motivos da rescisión.

Segundo a administración local, en agosto de 2016 quedou desaloxado todo o material alí almacenado. No entanto, o demandante, asistido polo letrado Jesús García Benardo, conseguiu probar que o Concello seguiu ocupando as instalacións cun coche do club ciclista e unhas ramplas de madeira usadas para a celebración do descenso urbano en bicicleta, como recoñeceu tamén un operario.

«O lóxico é que se o Concello quería pór fin ao contrato de arrendamento prorrogado tácitamente ata o 20 de novembro de 2016 debería de adoptar as medidas necesarias para que o inmoble estivese libre e expedito o día en que o contrato finalizaba, obviamente non foi así», indica o fallo, contra o cal cabe interpor recurso.

Segundo di, o Concello «se desentendió do vehículo propiedade do club ciclista e das ramplas de madeira empregadas polo club DHU». «O certo é que ditos obxectos permaneceron polo menos ata o 20 de xullo de 2017», engade a sentenza, que entende prorrogado o contrato de forma táctica ata novembro de 2018.

Por iso, condena ao Concello a abonar as rendas impagadas en todo ese tempo e os intereses que correspondan, ademais de pagar costas do xuízo.

Levantouse unha acta notorial

O denunciante achegou unha acta notarial segundo a cal o 20 de xullo de 2017 as ramplas seguían almacenadas na súa nave. Este material foi levado finalmente ao campo da feira en marzo de 2018 e, con respecto ao coche, descoñécese o seu destino.

Outras instalacións
O Concello atribuíu no seu día a rescisión do contrato á falta de subministración eléctrica na nave, tras o cal pasou a outra na LU-546, polo que terá que abonar dous alugueres. En xaneiro de 2017 sacou a concurso o arrendamento, que acabou deserto.

 

Sarria terá que pagar ao dono dunha nave o aluguer de dous anos
Comentarios